Opinión

O sur de Eurasia e a guerra sen fin

O cálculo inicial sobre o conflito ucraíno do núcleo reitor anglo da OTAN era mergullar a Rusia nunha guerra que "non podía gañar", ao tempo que cunha combinación de sancións económicas nunca vistas, incautación de divisas e un illamento internacional masivo provocaría unha brutal crise social, económica e financeira que a levaría á ruína. En consecuencia, unha revolución interna derrocaría Putin anulando definitivamente a existencia do país euroasiático como nación independente. E, a polas súas riquezas!

Pero un ano despois, esa estratexia revelouse errónea, absurda e disparatada. Rusia domina a estratexia militar cunha guerra de desgaste con dominio esmagador da artillaría e medios aéreos que xa causou máis baixas no exército ucraíno-OTAN que todas as baixas ianquis na Segunda Guerra Mundial (a desmilitarización-desnazificación anunciada polo Kremlin ao inicio das hostilidades). A economía rusa segue en pé e medrando, cun rublo en alza e a inflación e o desemprego en mínimos históricos, un apoio crecente do mundo emerxente (en movemento comercial, que é o que conta) e con Putin cun apoio interno superior ao 80%. Son datos non aptos para fanáticos. Claro, un fracaso de prognóstico tan descomunal produce pánico e desesperación enormes, e como non hai ningunha intención de rectificar e xa non chega coa desinformación masiva dos grandes medios, hai que elevar as apostas.

O analista A. Bezrukov, antigo coronel da intelixencia exterior rusa e catedrático de Análise Aplicado de Problemas Internacionais do MGIMO, sinala que a frustración occidental en Ucraína é probábel que xere unha inestabilidade inducida en todo o sur de Asia, dende Turquía ata a China. Bezrukov lembra que o mundo está nunha situación similar á que estivo no período 1914-1945: "Eses trinta anos cambiaron o mundo por completo, dos antigos imperios e os cabalos ao xurdimento de dúas potencias nucleares, a ONU e o voo transatlántico. Estamos entrando nun período similar, que esta vez durará uns vinte anos". Por iso, o sur de Eurasia (Turquía-Kurdistán, Caxemira (India-China), Armenia-Acerbaixán, etc.), unha enorme zona con contenciosos históricos, sería explotada por Washington e Londres para debilitar a alianza sino-rusa.

Fronte a este potencial acoso de alto custo económico e político (para Occidente), a estratexia rusa, que comparte plenamente a China, é a do desgaste da OTAN. Algo que só está ao alcance do maior país produtor de alimentos, de materias primas e de enerxía (Rusia), e da maior demografía e produción industrial (China). Como sinala Bezrukov, "se o Sur arde, as rutas principais non serán polos océanos e mares do Sur senón polo Norte, principalmente por terra", e iso son en esencia Rusia e a China. Parte dese proxecto de subversión xa se está executando arredor de Taiwán (Borrell dixit). Resulta curioso que os actores secundarios (pero importantes) desta ofensiva en Europa e no Pacífico, convenientemente instrumentalizados por EUA, sexan outra vez Alemaña e Xapón, os principais responsábeis de case cen millóns de mortos na Segunda Guerra Mundial, e outra vez contra Rusia e a China. Que pouca memoria!

Comentarios