Opinión

Socialistas á deriva

O humillante papel subordinado de Europa diante de EUA ten a súa caricatura máis penosa no grotesco rol que lle toca xogar ao goberno español como socio pouco relevante da OTAN. E, aínda que non o pareza, ese rol garda relación co recente episodio onde resultaron masacrados ducias de migrantes na fronteira de Melilla. Sánchez, moi oufano no seu papel de anfitrión de Biden no último cumio da OTAN en Madrid non tivo empacho en cualificar o frustrado intento de fuxida da fame de centos de migrantes africanos como "ataque violento ás fronteiras", ademais de xustificar o papel da policía marroquí, causante do masacre. Todo un exemplo de moral "á carta" dos socialistas españois con tal de non molestar ao xendarme de EUA no Magreb. O paradoxo é que os migrantes foxen da explotación, da miseria e das guerras creadas polas transnacionais occidentais e a OTAN en media África. Pero diso non di nada Sánchez, salvo a mención a unhas supostas mafias "incontrolábeis". Cinismo ou estupidez?

En realidade, todo está en perfecta sintonía coa aceptación española, o pasado abril, da política neocolonial marroquí no Sáhara Occidental, cando o PSOE rachou os compromisos para a descolonización dese territorio. Que lonxe queda a época en que a Fronte Polisario era convidada aos congresos do PSOE, ademais de ser recoñecida como membro consultivo da Internacional Socialista dende 2017. Pero a socialdemocracia fará sempre o que lle digan en Washington, especialmente se goberna o Partido Demócrata, o partido da Alta Finanza e do complexo militar-industrial. E Marrocos, apoiado sen fisuras por EUA, fará o que lle pete cos inmigrantes, masacrándoos ou deixándoos pasar en masa cando o considere necesario.

O goberno de Pedro Sánchez (o máis atlantista dos últimos anos, Albares dixit) pregouse sen resistencia aos anglo-norteamericanos, a pesar de ser ninguneado en asuntos clave de seguridade. Á parte dos desaires de Biden nos cumios internacionais, o episodio máis relevante ocorreu na primavera do pasado ano cando a armada estadounidense organizou coas forzas armadas marroquís unhas manobras militares na zona de Canarias (ocupando parte do espazo aéreo e a zona de seguridade asignada a España) sen comunicación previa ao goberno. Unha humillación que ningún "patriota español" repudiou (Vox incluso solicitou estreitar relacións con EUA, ave Biden!). As manobras militares de EUA-Marrocos foron a advertencia definitiva de que España (Rota incluída) era prescindíbel, teñen Xibraltar, e os socialistas entraron en pánico.

Esta política servil con EUA e Marrocos é un erro estratéxico grave. Ao rachar Madrid os compromisos co pobo saharauí arruinou o seu prestixio e as relacións con Alxeria, país esencial para un subministro regular de gas nun momento en que os prezos dos combustíbeis son unha arma económica letal. As ataduras e a falta de principios dos tecnócratas do goberno socialista fíxolles caer na trampa xeopolítica tendida por EUA, e iso terá graves consecuencias económicas e militares. É o que ten obedecer cegamente á embaixada ianqui. E a dereita encantada co pensamento débil socialista. Unha bicoca electoral.

Comentarios