Opinión

Snobs

Non hai dúbida de que vivimos nunha época chea de dificultades, con graves ataques á dignidade máis elemental do ser humano. Sabemos que esta crítica situación non se debe a unha maldición bíblica, á mala sorte ou a un meigallo do veciño.

Non hai dúbida de que vivimos nunha época chea de dificultades, con graves ataques á dignidade máis elemental do ser humano. Sabemos que esta crítica situación non se debe a unha maldición bíblica, á mala sorte ou a un meigallo do veciño. A causa fundamental da actual involución política, da desfeita do tecido produtivo e da situación dramática de millóns de persoas en todo o  mundo radica no proxecto global neoliberal que quere converter o planeta nun paraíso para as corporacións transnacionais, decretando que o benestar só poderá estar ao alcance dun reducido número de individuos e condenando a todos os demais á desaparición física ou ás diversas formas de escravitude. 

"A profundidade da agresión neoliberal é de tal calibre que xa comezan a aparecer múltiples exemplos de oposición nacional específica ao proxecto global do capitalismo financeiro internacional".

Esta praga concrétase de diversas maneiras en cada país ou continente, segundo o seu nivel de desenvolvemento e conciencia social. Se ben os efectos da crise teñen elementos comúns en todo o orbe, cada cultura percíbeos de maneira diferente de acordo coas súas peculiaridades nacionais. Así, non reaccionan igual os gregos que os alemáns, nin os portugueses igual que os islandeses. E así poderiamos seguir nomeando países e actitudes. A pesares de que a crise é global a resistencia é nacional, porque só se pode expresar colectivamente —e de maneira efectiva— aquilo que resulta propio e intelixíbel a unha comunidade. E isto é así a pesares das proximidades xeográficas e da uniformidade que impón o canon mediático.

A profundidade da agresión neoliberal é de tal calibre que xa comezan a aparecer múltiples exemplos de oposición nacional específica ao proxecto global do capitalismo financeiro internacional. O exemplo máis evidente é o dos países latinoamericanos: Bolivia, Venezuela, Ecuador, Arxentina, Brasil…, como antes foron Cuba e Nicaragua. Sen embargo non podemos esquecer países máis próximos como Catalunya, Euskadi ou Escocia, así como a rebelión das nacións eslavas rusófilas de Donest, Odessa ou Crimeia. Esta casuística rebela que a globalización tivo como efecto principal o renacer da conciencia nacional en moitos países, non só como unha forma de defensa cultural, senón como elemento colectivo de supervivencia económica fronte ao novo imperialismo global. As nacións, afortunadamente, non son un fenómeno do pasado igual que tampouco o é o internacionalismo, coas formas propias de cada época.

"Na Galiza tamén, afortunadamente, se multiplican os movementos sociais e aparecen novas formas virtuais de oposición que teñen a súa orixe na desafección cara as organizacións políticas clásicas e na explotación intelixente das tertulias mediáticas españolas". 

Na Galiza tamén, afortunadamente, se multiplican os movementos sociais e aparecen novas formas virtuais de oposición que teñen a súa orixe na desafección cara as organizacións políticas clásicas e na explotación intelixente das tertulias mediáticas españolas. Mais a rutina e a falta de autoestima son unha rémora importante en calquera actividade humana e a acción política non constitúe unha excepción a esta regra. Esas eivas levan a percibir o propio como negativo e a todo o que ven de fóra como a única realidade posíbel e marabillosa. Mais a innovación nas formas e o momentáneo éxito non sempre son sinónimo de resposta axeitada, e viábel no tempo, á gravidade da situación actual. Sen embargo, non hai dúbida da necesidade de rachar o círculo vicioso que enreda a política clásica —mergullándose activamente e sen complexos na sociedade, con ilusión e sen sectarismos—, mais a viabilidade no futuro de calquera alternativa —máis alá, repito, do momento doce dalgúns, e por tanto pasaxeiro— radica en percibir que a derrota da globalización só vai vir do éxito da reivindicación do dereito a decidir e producir de cada país, colaborando solidariamente e axustando estratexias no ámbito internacional. O demais pode ser unha trampa para consumo de snobs. 

Verín, xullo de 2014

Comentarios