Opinión

O século de Xi Jinping

No actual contexto internacional de graves turbulencias xeopolíticas e de reequilibrios de poder orientados cara a un mundo multipolar creo que é acaido reflexionar sobre o resultado do XX Congreso do PCCh. En primeiro lugar, resulta difícil obviar a súa importancia histórica, incluso con algúns paralelismos singulares con outros antigos eventos protagonizados polo seu gran veciño do norte. Así, se no XX Congreso do PCUS, na antiga Unión Soviética, Nikita Kruschev liderou a ruptura coa época stalinista, no caso chinés parece que Xi Jinping realizou algo parecido (de forma máis suave) co ciclo histórico iniciado por Deng Xiaoping.

Non obstante, hai que facer algúns matices. No caso soviético, a denigración sistemática da figura de Stalin acabou desembocando en erros de signo contrario e, finalmente, na desaparición da URSS. Porén, teño a convicción de que na China de Jinping saben que os xiros políticos sen principios e obxectivos claros adoitan resultar imprudentes co risco engadido de que acaben na destrución do proxecto histórico. Por iso, na miña opinión, o que ocorreu no XX Congreso é un imprescindíbel e ben estudado axuste estratéxico, na liña de profundar no modelo democrático socialista lonxe de influencias externas, nas novas condicións internacionais de acoso a China e aos seus aliados máis próximos como Rusia e Irán.

Noutra óptica, algúns sinólogos definen este Congreso como o ocaso do lobby pro estadounidense dentro do PCCh, ata agora con importantes nichos de poder na estrutura partidaria e gobernativa do país e que estaría representado polos seguidores do ex presidente Hu Jintao. Non obstante, o relevante sinólogo Yuri Tavrovsky relativiza este diagnóstico e sinala que o pintoresco incidente de retirada de Jintao do Congreso foi exclusivamente por razóns de saúde e achega datos moi concretos que desmentirían a versión occidental de purga en directo, algo inédito e moi afastado do estilo de Xi.

Aínda así, unha cousa está clara: os neoliberais chineses xa cumpriron o seu ciclo, ese modelo está esgotado. As desigualdades xeradas pola economía que eles impulsaron e a agresividade desenfreada do hexemón anglo-ianqui non deixa espazo para a banalidade política que tanto lle encanta a Occidente. Veñen tempos turbulentos e a unidade e a clareza sobre o xiro socialista que necesita China e o camiño cara a un modelo cooperativo internacional son imprescindíbeis para vencer e progresar de forma independente.

Non cabe dúbida de que a aposta de Jinping ten riscos, pero o seu talante moderado e reflexivo e o innegábel éxito durante a última década na loita contra os excesos do modelo neoliberal, contra a pobreza, a corrupción e a defensa da cooperación internacional pacífica, son activos que permiten visualizar un proxecto razoabelmente sólido e con futuro.

Un dato significativo. Os resultados do XX Congreso foron especialmente saudados polo Kremlin que sae fortalecido co novo rumbo do xigante asiático no camiño dunha alianza estratéxica aínda máis estreita. En definitiva, albíscanse no horizonte próximo eventos de grande calado no marco das relacións xeopolíticas mundiais.

Comentarios