Opinión

Manipulación certificada

Un dos últimos artificios para fortalecer o escaso crédito dos grandes medios de comunicación é a recorrencia a unhas supostas "axencias independentes" de verificación de noticias para certificar a "veracidade" da súa mensaxe. Non obstante, o sistema é tan groseiro que non resiste a máis mínima reflexión. O portal norteamericano de esquerdas MintPress News (MPN) realizou unha ampla investigación xornalística asinada por Alan Macleod sobre a Guerra do Leste, publicada a principios de agosto, que, de paso, desvela as conexións inconfesábeis da rede mundial de medios dominantes. A algúns pódenlle resultar sorprendentes os seus achados; en realidade, entrarían dentro do esperado para calquera que coñeza como funciona o aparello de propaganda imperial.

Macleod sinala que Facebook (Meta) se asociou con nove organizacións para "axudar a separar os feitos da ficción" en todo o relacionado coa guerra ucraína. Todas esas organizacións, entre elas, StopFake, VoxCheck ou Myth Detector están certificadas pola IFCN, subsidiaria á súa vez do Poynter Institute que se dedica a reunir a todos os verificadores de datos do mundo. Por certo, Poynter colabora coa española Newtral de Ana Pastor, a través de MediaWise. Nada é o que parece.

Cal é o resultado final da investigación de Macleod sobre toda esta trama de fact-checking? Das nove organizacións sinaladas, cinco están financiadas directamente polo goberno de EUA e unha gran parte das demais teñen conexións profundas con outras potencias da OTAN, incluído o financiamento directo. Se engadimos que o Poynter Institute, que certifica a todas elas, está asociado coa CNN e o Washington Post e financiado polas fundacións dos súper-ricos Koch e Soros e pola NED, unha axencia de proxección da dominación ianqui promovida polo Congreso dos EUA, xa podemos concluír con certeza sobre a "neutralidade" e a "independencia" de toda esta mafia da información.

Unha mostra desta infame colusión de intereses é o que ocorre con StopFake, unha das axencias máis coñecidas, estabelecida en 2014 durante o golpe de estado do Maidán. Está financiada polo Consello Atlántico da OTAN, pola Oficina británica de Asuntos Exteriores e da Commonwealth, a Embaixada do Reino Unido en Ucraína e o Ministerio de Exteriores checo. Traballando descaradamente para unha das partes e subministrando "noticias" ás axencias informativas internacionais e estatais que se fan eco das súas montaxes (incluída gran parte dos medios españois).

Curioso, en StopFake traballou Nina Jankowicz, a efémera xefa da Xunta para o Control da Desinformación (do Departamento de Seguridade Nacional) de Joe Biden, alcumada "Ministerio da Verdade" (nada máis acertado). Nina tivo que dimitir dese cargo e a XCD acabou disolvéndose en maio (con apenas un mes de vida) polas numerosas denuncias públicas sobre a deriva orwelliana da Administración Biden.

Entre tanto, seguen as "noticias" de TVE sobre a central atómica de Zaporiyia, cos rusos bombardeándose a si mesmos ou, no outro extremo da demencia occidental, o evento Mundo Crypto en Madrid, con 7.000 mozos loucos por facerse ricos coas criptomoedas. Alucinante.

Comentarios