Opinión

Laissez faire ou ditadura oligopólica?

A semana pasada, neste xornal, o profesor Miguel Anxo Bastos referíase amablemente a unha entrevista miña no suplemento semanal e, apoiándose nela, aproveitaba para reflexionar sobre o neoliberalismo na súa columna. Coa mesma cordialidade, aproveito a ocasión para achegar algunhas reflexións sobre este particular.

Dende que A. Rüstow utilizou por vez primeira o termo neoliberalismo transcorreron máis de oito décadas. E na súa formulación teórica interviñeron diferentes economistas, como os que cita o Sr. Bastos, pero en xeral compartindo catro características esenciais: control pola alta finanza, menos impostos aos ricos, adelgazar o estado e des-regular a economía. Por tanto, non sorprende que haxa un consenso xeral en designar o sistema capitalista actual como neoliberal, cos todos os matices e particularidades que se queiran. Nese sistema participan países tan diferentes como os EUA, a China ou Rusia, xunto ao resto do planeta. É dicir, o neoliberalismo é a filosofía económica (e política) que subxace na actual globalización económica mundial. Outra cousa é o enfoque particular de cada país.

Asemade, que a configuración da tecnocrática UE sexa debedora do xacobinismo francés e do capitalismo alemán e que o centralismo burocrático (acentuado pola pandemia) sexa unha característica da Comisión Europea non cuestiona a esencia do modelo neoliberal. De feito, a UE fomenta de forma decidida o mercado transnacional farmacéutico privado (igual que fomenta outros mercados transnacionais), garantíndolle enormes beneficios ás grandes empresas participantes. A compra centralizada forma parte desa estratexia onde a principal característica é a liberdade de produción (como e onde queren as transnacionais) e unha competencia limitada (si, pero non diferente á que existe a nivel mundial en todos os sectores da economía). Esa produción/distribución “libre” é o elemento clave da anarquía neoliberal de tipo oligopólico e do conseguinte colapso actual da cadea de subministro. O modelo está en crise.

En consecuencia, non concordo en que o obxectivo práctico do sistema neoliberal, máis alá dunha elegante coartada teórica, sexa o laissez faire (foino algunha vez?). Se ben a inicial formulación liberal de Adam Smith abominaba do “miserábel espírito do monopolio” a realidade histórica posterior do capitalismo foi a aceleración da acumulación e da concentración da riqueza fronte ao que poderiamos chamar “café para todos”, circunstancia que se produciu grazas á “liberdade de mercado”. Todo ten matices, pero nun mercado aberto e sen regulacións estatais acaídas sempre van gañar os máis fortes, que foi o que ocorreu dende o século XVIII, e nas últimas décadas aínda máis. Por tanto, os debates académicos neste campo cómpre levalos ao terreo da realidade empírica e, a pesar das boas intencións dos primeiros liberais, a situación é a que é: oligopólica. En definitiva, o neoliberalismo é un sistema que promove a tendencia monopólica, e iso é o que está a facer a UE coas vacinas e con todo o demais: favorecer os grandes e minimizar o mercado, empaquetando o envoltorio coa etiqueta-talismán do laissez faire.

Comentarios