Opinión

In(xustiza) española

Indigna e preocupa a cantidade de xuíces e fiscais con tan baixa formación humanística e profesional, por non falar da súa escasa (ou nula) sensibilidade democrática. Un dos últimos escándalos é o desa xuíza de Marbella que retirou a unha nai a custodia do seu fillo utilizando, entre outros, o peregrino argumento de que reside “en la Galicia profunda”. Ese “pequeno detalle” xenófobo e outros comentarios pexorativos son suficientes para descualificala como xuíza, por indocumentada e chea de prexuízos, independentemente de que haxa razóns para non darlle a custodia á nai. Outro disparate xudicial, moito máis grave, foi o sufrido polo deputado Alberto Rodríguez de Podemos. Aínda que o primeiro ocorreu no marco dun xulgado local e o segundo no TS, ambas as decisións xudiciais (hai moitas máis de teor similar) habería que enmarcalas dentro do estado de grave involución política que padece a xudicatura española, que corre parella coa crise do modelo neoliberal e do sistema democrático parlamentario. Os poderes fácticos e os seus acólitos están decididos a esmagar todo que cheire a progresismo e dignidade; hai que aplicar a lei coa máxima dureza (retorcéndoa se é preciso) contra quen se considere disidente ou diferente (ou inferior).

No caso de Rodríguez, a única proba esgrimida para condenalo foi a declaración dun policía durante unha manifestación en defensa da educación pública. A debilidade da acusación quedou patente co voto particular de dous maxistrados que discreparon coa resolución aducindo a súa manifesta insuficiencia fronte ao dereito á presunción de inocencia. Entre múltiples anomalías, o TS elaborou un enrevesado argumento xurídico  para lograr unha sentenza ad hoc —só reservada para os inimigos, segundo Martín Pallín— incluíndo unha accesoria de inhabilitación especial para ser elixido. Rodríguez xa anunciou que vai recorrer ao Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos (TEDH).

O extraordinario deste caso é que despois de ser analizada a sentenza polos letrados do Congreso concluíron que, unha vez satisfeita a multa substitutoria, o deputado podía seguir no exercicio do seu cargo, decisión avalada pola mesa da Cámara. Pero esa decisión soberana do lexislativo non foi do agrado de Manuel Marchena. E sucedeu o máis insólito: a presidenta Meritxell Batet cedeu ante a ofensiva do xuíz e da caverna madrileña deixando o parlamento español á altura do betume. E, para rematar a faena, o secretario xeral da cámara desdí agora os letrados para xustificar a Batet. Impresentábel. 

Marchena, o novo Torquemada, é un experto en disparates xudiciais e represión de disidentes. Comezou contra J.Mª Atutxa, presidente do Parlamento vasco. Daquela, Atutxa recorreu ante o TEDH e condenaron a España por vulnerar o dereito a un xuízo  xusto. A corrupción —como cando exoneraron a Emilio Botín (do Santander) de evasión fiscal—, e falta de imparcialidade e rigor da xustiza española xa é un tópico en Europa. Baste enumerar os casos de Otegui e Puigdemont, coa xudicatura humillada polas súas chapuzas técnicas e parcialidade manifesta. E o PSOE rendéndolle pleitesía. Pobre débil esquerda española.

Comentarios