Opinión

Humillar Francia, anular Alemaña, destruír Europa

N unca acreditei nunha UE de comisarios-burócratas pregada á hexemonía anglo-norteamericana e ao servizo e das grandes corporacións; por desgraza, o que acontece arestora certifica sen paliativos esa diagnose. Vímolo durante os primeiros meses da pandemia, cando os países da UE se roubaban entre si as máscaras anti-Covid ou se mercaban vacinas ao ditado das grandes farmacéuticas. E o caos volve, en medio dos graves problemas enerxéticos e económicos orixinados pola mediocridade dos dirixentes comunitarios e da recente deriva hostil de Alemaña e Francia, ata hai pouco grandes aliados e principais líderes do espazo euro. 

A situación é tan tensa que se aprazou ata 2023 o tradicional consello anual de ministros deses dous países. Os problemas agraváronse de forma notábel dende o pasado mes de decembro, cando accedeu á chancelería alemá Olaf Scholz transitando dende unha posición de liderado da UE nos tempos de Merkel ao non disimulado sometemento aos ditados de EUA. Unha metamorfose contraria aos intereses de Alemaña (as crebas de empresas multiplícanse) e dos demais países europeos (inflación galopante). O último roce produciuse a semana pasada durante o encontro en París entre Macron e Scholz que rematou sen conferencia de prensa conxunta revelando o malestar con Scholz polas súas viraxes, que no Elisio consideran anti-francesas e insolidarias coa UE.

Non é para menos. O enfrontamento franco-alemán ten como causa de fondo tres asuntos de gran calado: 1) como abordar a crise enerxética, 2) os programas militares de defensa europeos e 3) o enfoque das relacións coa China. 

Un punto importante de confrontación é a recente decisión alemá de investir 200.000 millóns de euros para reestruturar o seu maltreito sector enerxético. Para Macron esa medida unilateral afectará aos fondos europeos e impedirá ter recursos suficientes para afrontar os retos enerxéticos franceses e tamén os da UE no seu conxunto.
En Francia, ademais, hai malestar pola decisión alemá de negociar co xigante asiático de costas á UE. En realidade, Macron ten celos dos investimentos chineses nos portos de Alemaña (que alcuma de "infraestrutura esencial europea"), pero quizais o máis grave foi a decisión de Scholz de desligarse dos acordos con Francia en materia militar ao decidir a construción dun escudo de defensa aérea con outros membros da OTAN e rachar varios proxectos comúns (helicóptero Tigger) e as patrullas navais conxuntas. Semella un intento de desprazar a Francia do liderado militar da UE. 

Cal é a chave de todo isto? Chove sobre mollado, a unilateralidade alemá no ámbito militar vén precedida da cancelación por Australia da construción nos estaleiros franceses de varios submarinos atómicos en beneficio de ianquis e británicos. Se sumamos que Alemaña vai mercar avións de combate F-35 americanos no canto dos Raffale franceses (había un pre-acordo), non resulta difícil adiviñar quen está detrás da discordia. Poñendo en perspectiva histórica o Brexit, a pandemia (da que xa non se fala), a Guerra do Leste e a crise política-económico-enerxética europea, a quen beneficia esa secuencia de acontecementos?

Comentarios