Opinión

A histeria de final de ciclo

O destacado economista Michael Hudson publicou recentemente o ensaio The Collapse of Antiquity, onde sinala os paralelismos entre o colapso dos grandes imperios da Antigüidade (Grego e Romano) e a decadencia do imperialismo anglo-norteamericano. A tese principal de Hudson demostraría que as prácticas económico-financeiras desas grandes civilizacións desaparecidas serían o principal antecedente histórico da época actual, cun sistema capitalista financeiro reducido a unha economía rentista colapsando dende dentro.

Hudson describe como o Imperio Romano se consolidou a base da conquista dos pobos da periferia e da represión violenta das revoltas populares dos pequenos propietarios fronte aos grandes terratenentes e prestamistas. Finalmente, o Imperio acabou colapsando despois da monopolización do crédito e da terra polas elites oligárquicas imperiais. Como resume Hudson, "xa non había máis terras que expropiar nin máis lingotes de ouro que saquear". Un xogo de suma cero (a pleonexia) que derivou na rebelión interior dos desherdados e na ofensiva dos "bárbaros" sometidos da periferia dando lugar a un novo ciclo histórico que recibiu como legado, de forma contraditoria, un corpo de principios xurídicos baseado nos intereses dos prestamistas. Ese "dereito romano" sobreviviu ao Imperio e modelou as seguintes civilizacións occidentais ata o capitalismo actual, fronte aos modelos cooperativos xermánicos e orientais.

Giovanni Arrighi (seguindo a Marx, Kondratiev, Braudel e Gramsci) dividiu en cinco ciclos sistémicos a evolución da acumulación capitalista: hispano-xenovés, holandés, británico e norteamericano, en transición ao euro-asiático con centro na China. Outro economista, Sergei Glaziev, ampliou esa teoría coa tese dos cambios das estruturas económicas mundiais (EEM) no sistema-mundo capitalista. Dende a súa óptica, os primeiros ciclos sinalarían a sucesión dos postos de mando da economía capitalista, mentres que o último revelaría o xurdimento dun novo sistema civilizatorio poscapitalista. Sería máis eficiente, primando o público sobre o privado, e substituiría non só ao polo americano, senón aos cinco séculos de hexemonía do capitalismo mundial.

O novo ciclo non só sería o resultado da evolución vital obxectiva do capitalismo (nacemento-desenvolvemento-decadencia), senón (tamén) da vontade do polo emerxente de construír un novo modelo distinto da tradicional suma cero capitalista. Segundo Glaziev, a economía mundial farase máis complexa, restabelecendo a importancia da soberanía nacional e a diversidade dos sistemas nacionais de regulación económica, que se combinarían coa existencia de novos organismos con poderes supranacionais máis democráticos e equilibrados.

Pero na UE seguen flipando. Así o corrobora o ataque de histeria dunha asesora de Borrell nunha concorrida conferencia de executivos de alto nivel sobre "Cambios xeopolíticos globais" en Ibiza. As documentadas (e heréticas) intervencións de Pepe Escobar e L. Xiang lograron interesar a unha manchea de líderes empresariais occidentais e abrirlle os ollos a máis dun, menos aos burócratas da UE. Misión imposíbel.

Comentarios