Opinión

Hexemonismo caduco

A pesar do recente colapso do sistema capitalista e da rebelión social en marcha (Latinoamérica é un fervedoiro) a ausencia de autocrítica e de pragmatismo que transmiten as declaracións do G7 suxiren que estamos fronte a un grave problema de autismo político. Mentres se contrae a economía real, se enquistan os conflitos en medio mundo, crecen os beneficios da “industria financeira”, se dispara a pobreza e se intensifica o problema climático, sete líderes mundiais (os principais responsábeis deste despropósito) pretenden ditarlle ao resto do planeta o que deben facer. E non se lles ocorre outra cousa que facer un chamado mundial a confrontar coa China “na salvagarda da democracia” e na carreira tecnolóxica. Todo o mundo sabe que a democracia no mundo non está ameazada pola RPCh, senón pola cegueira e o narcisismo occidental. Igual que sabemos que o parón tecnolóxico causado polo colapso da cadea de subministro non é máis que o resultado do insaciábel afán de concentración e acumulación de capital das compañías occidentais (que fabrican en Asia polo seu propio interese laboral e fiscal).

O grave dos acordos do G7 radica en que non só son esencialmente erróneos, en realidade constitúen unha torpe provocación para desviar a atención sobre os seus propios problemas. Intentar confrontar con Rusia e a China, inxerindo nos seus asuntos internos, non axudará a resolver ningún problema propio ou alleo, máis ben pode levar a un fatídico conflito a gran escala. A gran ironía deste asunto non está só nesa falsa pose de defensa da democracia, senón na agresiva estratexia hexemonista sen decatarse de que o mundo unipolar das últimas décadas xa desapareceu e de que os problemas deben resolverse cun enfoque multipolar e cooperativo. 

Xa non hai unha única superpotencia (EUA) e un bloque occidental omnipotente (OTAN) en condicións de impoñer o seu statu quo de forma unilateral nos ámbitos económico, militar e cultural. Hoxe en día esa faceta hai que compartila coa China e Rusia, e co resto de países. As elites occidentais xa non están en condicións de impoñer o seu modelo nin de vencer nunha carreira tecnolóxica nin armamentística. Ese conto rematou.

Cómpre, por tanto, cambiar o modelo neoliberal de acumulación en beneficio dunha minoría indo a un sistema de distribución xusta da riqueza e de intercambio pacífico e cooperativo entre países libres e soberanos. A resposta de China é clara: “Os días en que as decisións globais eran ditadas por un pequeno grupo de países xa pasou, os asuntos mundiais deben tratarse entre todos”. Unha seria advertencia.

Chegou a hora de recoñecer que a visión anglo-norteamericana na que habita occidente é unha quimera perigosa, o mundo é moito máis ca iso. E a esquerda debe reflexionar sobre se debe seguir apoiando a dobre moral das elites. Como cando se conforma co envío das ONG para atender as ondas de inmigrantes e a pobreza extrema que o propio capital e a OTAN producen en África todos os días cos conflitos armados e o espolio neocolonial. Mentres non se poña nun primeiro plano esta impostura as cousas irán de mal en peor para todos, menos para os culpábeis.

Comentarios