mércores 03.06.2020

Feijóo e a banalidade do mal

A entrevista co contrabandista Marcial Dorado, ofrecida o pasado domingo no programa de Jordi Évole, reflicte con bastante claridade o grave estado de corrupción da democracia española e a normalidade con que se perciben os actos delituosos polos seus principais protagonistas. A “narrativa” de Dorado, no seu papel de vítima propiciatoria, ofrecido como chibo expiatorio para calmar as ansias de xustiza da opinión pública, é ben sintomático desa situación. O problema para Dorado non estriba en que a súa actividade comportase unha cruel agresión á saúde pública e ao benestar da sociedade, ademais dun claro delito fiscal; para el, o que facía era “normal”, estaba apoiado por “xente importante” e, xa que logo, non se sentía vulnerábel nin que estivese facendo nada malo. Dorado defínese a si mesmo como un traballador, un home “honrado” que lle dá traballo á xente (como máximo, confesa “ter cometido algúns erros”) nunha actividade similar á doutros “homes importantes” aos que lembra ter visto en Suíza. As traxedias de familias rotas pola droga só son un lamentábel efecto colateral.

En definitiva, os capos galegos non son máis que altruístas Robin Hood que reparten as súas riquezas coa xente do pobo e que, por tanto, merecen respecto e consideración. Os que deberían estar na cadea son outros, os verdadeiros amos do pastel. Quizais Dorado non estea totalmente equivocado. Porque, como se pode mover a cantidade inxente de diñeiro (centos e miles de millóns de euros) que xera o narcotráfico se non fose co apoio da banca e de estados e gobernantes permisivos cos paraísos fiscais e co escuro negocio das finanzas locais e internacionais? Simplemente, sería imposíbel; por moitos Dorados, Oubiñas ou Sitos Miñancos que houbese non serían listos dabondo para saír airosos dese negocio de altos voos. De feito, ao final son este tipo de “narcos” os que acaban pagando o pato, os de arriba son demasiado poderosos para caer. Pero nada é eterno, e agora soubemos que o rei emérito era un asiduo dos maletíns con efectivo; sería un dos que Dorado vía trasfegar en Suíza?

A entrevista revela a íntima conexión entre a esfera político-institucional e o mundo do narcotráfico. Sen os fondos narco non se poderían financiar algúns dos grandes partidos da “transición”, nin tampouco verificarse a compra de vontades nas altas instancias do poder, só posíbel coas arcas sen fondo (e fóra do control legal) dos grandes “donantes anónimos” propietarios das “planeadoras” das Rías Baixas. Ese sistema “paralelo” era considerado tan normal que se forxaron grandes relacións de amizade entre altos cargos institucionais e narcos, con viaxes de pracer e fins de ano en familia, como ocorría con Dorado e Feijóo. Pero todo ese sistema entrou en crise cando a sociedade civil arousán se rebelou. Daquela, ás autoridades non lles quedou máis remedio que actuar. Despois apareceron as fotos reveladoras dun pasado compracente cun mundo que Feijóo non podía descoñecer. O máis preocupante de todo isto é que moitas galegas e galegos ven con normalidade ese sórdido compadreo. O sistema segue, e Feijóo tamén. Ata que Galiza diga non.

comentarios