Opinión

Declive occidental

Non hai mellor metáfora para describir a decadencia dos EUA, a superpotencia imperial por antonomasia, que os sucesivos tropezóns do seu flamante (e senil) presidente, con só un par de meses de exercicio no seu cargo. Biden, a quen se lle podería alcumar de Gran Ausente en honor ao seu estraño afastamento dos medios, quizais para non escoitar as acusacións sobre o incumprimento das promesas electorais —como o abandono de miles de inmigrantes (un terzo nenos) en condicións inhumanas nos centros de detención de Texas— prefire calmar a súa frustración agredindo verbalmente a Rusia e á China. Efectivamente, unha gran parte dos problemas internos dos EUA non son máis que un reflexo da súa perda de poder e liderado internacional como cabeza do bloque occidental.

A feroz agresividade manifestada por Biden contra os países euroasiáticos hai que entendela como un esforzo desesperado por retomar un papel hexemónico que xa non pode exercer. Curiosamente, neste escenario de declive do poderío ianqui, coincidente coa culminación do Brexit, os británicos son os que parecen levar a iniciativa, con enorme desgusto dos seus aliados. Así, co inicio da pandemia intentaron liderar a loita anticovid coa creación dunha novidosa vacina da man de Oxford e AstraZeneca. Pero ocorre que nesta carreira non se perdoan os fallos e a vacina británica ten flancos débiles que os seus competidores-amigos non están dispostos a pasar por alto. E os golpes sucédense de forma continua e alternativa entre EUA, Reino Unido e a UE, como comprobamos nas noticias diarias. A outrora firme alianza occidental é o máis parecido a unha gaiola de grilos.

Nese contexto, o rexurdimento imperial británico foi proclamado por Downing Street no documento "Defensa nunha era competitiva" no que se deseña unha estratexia para a modernización das súas Forzas Armadas co obxecto de garantir "que o Reino Unido conserve o seu papel histórico como o corazón da capacidade da OTAN... para operar no Atlántico Norte..., Báltico, Balcáns, Mediterráneo e o mar Negro". Aínda que se fala de traballar con aliados como EUA, Francia, Noruega e os Países Baixos o documento recupera o tradicional tufo imperial británico ninguneando a Alemaña (o seu adversario clásico continental) só mencionada como plataforma para o "despregue avanzado das tropas británicas (!)", ademais de relativizar o papel dunha superpotencia como EUA.

En definitiva, o que se infire desa xeo-estratexia é o reparto de funcións entre RU e EUA, centrándose os británicos na confrontación con Rusia e deixándolle o Pacífico aos americanos para conter a China. Unha liña congruente coa designación de Rusia como a "maior ameaza convencional e nuclear", mentres a China é catalogada como "o factor xeopolítico máis importante do mundo actual". Neste decadente xogo de tronos occidental non estaría demais advertir aos contendentes coa famosa cita do Xulio César de Shakespeare: "Cóidate dos idus de marzo". Nos momentos clave, os maiores inimigos adoitan estar nos círculos máis próximos. A escusa pode ser a vacina, o gasoduto ruso-alemán Nord Stream ou o imprescindíbel mercado chinés para a UE.

Comentarios