Opinión

Cumio Biden-Putin

A importancia do encontro entre os máximos representantes de Rusia e EUA resulta reveladora por varios motivos. En primeiro lugar, non hai dúbida de que foi unha xuntanza de alcance; en catro horas (na época de Trump, “o amigo de Putin”, o encontro durou menos de dúas horas) intercámbianse algo máis que banalidades, saúdos protocolarios e sorrisos. Este feito explica o comportamento previo de Biden, moi agresivo co inquilino do Kremlin. Había que distanciarse da (suposta) antiga amizade de Trump con Putin e demostrar que EUA é un país forte e que se pode confiar en Biden. Ese teatro para consumo interno non faría falta se a natureza do encontro fose irrelevante. 

Para axudar a estabelecer o contexto real deste asunto é importante sinalar que non se tratou dunha simple reunión bilateral improvisada no último mes.

Recordar que a súa preparación foi organizada por occidente a seis meses vista (como mínimo), precedéndolle varias xuntanzas dun alto significado político: Foro de Davos, G7 e OTAN, ademais de xuntanzas ao máis alto nivel da UE. Foi un encontro Leste-Oeste á antiga usanza. Por que todo ese esforzo?

Parece obvio: as elites non se decidirían a visibilizar a relevancia do encontro co seu contrincante xeopolítico clásico se a hexemonía occidental non estivese seriamente tocada e en declive. Ademais da grave división interna e a profunda crise sanitaria e económico-financeira, EUA viuse na obriga de admitir o enorme potencial militar de Rusia, dotada de tecnoloxías exclusivas con capacidade para alterar o equilibrio mundial de forma radical. Un asunto nada banal e de profundas consecuencias xeo-estratéxicas. En particular, este feito sinala de forma descarnada que as sancións económicas e o intento de illamento de Rusia foron un absoluto fracaso, igual que as intervencións en Siria, Iemen, Afganistán, etc. Non lles quedou outra que admitir a desfeita e cambiar de táctica. 

Por último, pero non menos importante, está a enorme fortaleza socio-económica de China e, especialmente, a súa vizosa alianza estratéxica con Rusia. Son todos estes factores os que configuran o contexto real do encontro Putin-Biden, que algúns xa cualifican como Yalta II. En suma, trataríase dun armisticio encuberto no que Biden faría determinadas concesións a Putin, recoñecendo na práctica o remate prematuro do proxectado novo século estadounidense proclamado na época de Bush, coa desaparición da URSS. Os próximos meses indicarán o seu alcance real.

Non obstante, o modelo neoliberal vai ser difícil de desmontar. As contradicións internas en EUA e no bando occidental e, sobre todo, as conflitivas relacións con Rusia non auguran un acordo pacífico, definitivo e estábel. Ademais, a estratexia dun importante sector do bloque atlántico vai consistir en romper ou debilitar a alianza entre Rusia e a China. En definitiva, só a firmeza de rusos e chineses, e a fortaleza e sentido común dos movementos populares progresistas en cada país do planeta, poderán obrigar á alianza occidental a cambiar o seu enfoque de confrontación polo de cooperación, o único que aseguraría un futuro en paz e de progreso para todos.

Comentarios