Opinión

Catalunya, a rebelión pacífica

O enorme poder da revolución popular catalá radica en que está sustentada nun amplo movemento pacífico nacional de masas. Non é unha iniciativa individual, illada, de partido, senón un movemento transversal colectivo onde unha masiva representación do pobo catalán consciente, a través de cidadáns de todas condicións, acompañados polas súas institucións e organizacións democráticas populares, quere transcender un marco que xa non soporta: o español, onde reina a desigualdade e corrupción xeneralizadas. O actual independentismo catalán é un movemento de masas dentro dunha corrente aínda máis xeral, amplamente maioritaria no país, que demanda o dereito a decidir de Catalunya. É, pois, a vangarda disposta a practicar a resistencia pacífica e a facer valer os seus dereitos como pobo, máis alá do corpiño constitucional imposto e xestionado polas elites españolas herdeiras do tardo franquismo. Unhas elites neoliberais encasteladas na fortaleza da Restauración Borbónica pensando, coma Franco nos seus tempos, que o seu sistema é eterno, invulnerable ao devir da historia. 

O actual independentismo catalán é un movemento de masas dentro dunha corrente aínda máis xeral, amplamente maioritaria no país, que demanda o dereito a decidir de Catalunya

 

A catalá é unha loita contra esas elites, devidas en tiranía de novo cuño, enmascaradas baixo unha legalidade constitucional que manexan con habelencia, coa ilusa colaboración, entre forzada e entusiasta, das direccións de PSOE e C’s. Así é como estes adalides da orde constitucional, constituídos nun auténtico cártel político unidos polas suculentas prebendas do sistema, son quen de modificar en horas a Constitución cando llo esixe a gran banca internacional —como ocorreu co artigo 135 para intentar lexitimar os aberrantes recortes sociais—, pero non permitirán ningún outro cambio que non sexa funcional aos seus intereses, a non ser que se vexan obrigados por unha ameaza maior. Son os mesmos que romperon o Pacto Constitucional recorrendo impunemente o Estatut Catalán de 2006, a pesar de ser aprobado baixo a sacrosanta “legalidade española”. Todos estes ataques aos intereses e dereitos da cidadanía e dos pobos, inermes ante o impenetrable aparello xurídico e institucional español, representan unha forma de tiranía encuberta contra a maioría social, por moito que algúns se escandalicen ou lles pareza excesiva esta afirmación. Lamentablemente, o caso catalán demostrou —á hemeroteca me remito— que ningunha minoría, incluso importante e notable como a catalá, fóra do establishment institucional español predominante, pode aspirar a ser escoitada, aínda que sexa co inocente obxecto de establecer algún tipo de negociación civilizada onde se teñan en conta, dalgunha maneira, os seus lexítimos intereses. 

A revolución catalá lémbrame a estratexia seguida por Gandhi fronte ao todopoderoso Imperio Británico

 

Como nos defendemos desta nova forma de opresión nacional e social? A revolución catalá lémbrame a estratexia seguida por Gandhi fronte ao todopoderoso Imperio Británico cando, ante a cerrazón da coroa e do vicerrei, levantou en 1930 o pobo hindú coa “marcha do sal” —unha decisión anti constitucional, a dicir dos ingleses— iniciando un proceso de desobediencia civil pacífico que culminaría dezasete anos despois coa independencia da India. Tres décadas despois Martin Luther King puxo en marcha un movemento análogo en EE.UU. en defensa dos dereitos civís da poboación negra conseguindo avances revolucionarios nun país onde o racismo é un dos piares non declarado do seu sistema estatal onde se nega na práctica a igualdade real da xente de color. Considero, pois, que o procés catalán é un exemplo de movemento de masas contemporáneo, coas súas luces e sombras —ninguén é perfecto— á altura doutras efemérides históricas nacionais ou sociais de igual rango.

Xaora, a revolución catalá está nos seus inicios e non sabemos como acabará, os unionistas non son poucos nin mancos e a metrópole conta co apoio internacional, pero máis alá da formulación final que resulte desta loita histórica as cousas non volverán ser coma antes e non dubido de que significará un avance incuestionable, aínda que implicará enormes sacrificios individuais para moita xente, principalmente para os seus dirixentes. Por certo, que será de Galiza naquela altura? Ese é outro tema do que falaremos noutro momento, pero non estaría de máis de que comecemos a reflexionar seriamente onde estamos e quen somos.

A revolución catalá está nos seus inicios e non sabemos como acabará, os unionistas non son poucos nin mancos e a metrópole conta co apoio internacional

 

Cando o movemento liderado por Gandhi estaba no seu apoxeo, o vicerrei británico, despois de poñer entre rexas a máis de 60.000 pacifistas hindús, decatouse do seu erro ao constatar que non había campos e cárceres suficientes para tantos milleiros de desobedientes. Ademais, e iso era o máis preocupante, a política represiva e de negación a negociar do Imperio só contribuía a acelerar a independencia da India. Por iso, Catalunya é tamén hoxe un exemplo para outros pobos e causas sociais. Non para copialo de forma mimética e artificial, senón para extraer as leccións de como se poden iniciar procesos de cambio non asimilables polo poder. Aínda que a desobediencia civil xa se pode considerar unha loita de tipo clásico, encerra unhas características de autenticidade e universalidade que se poden extrapolar aos convulsos tempos actuais. Cando responde ao sentir maioritario dun pobo resulta pouco vulnerable á manipulación de intereses espurios, pero antes debe darse unha ampla acumulación de forzas, de carácter transversal, onde institucións, asociacións e pobo estean en condicións de liderar o cambio real. Para o éxito desta loita fai falta tempo, intelixencia, xenerosidade, liderado institucional, capacidade de diálogo e integración social da maioría. Así foi como o fixeron Gandhi, Luther King e outros, e como o está a facer Catalunya, na súa revolución social e pacífica do século XXI.

Comentarios