Opinión

As outras pandemias

Se algo caracteriza a crise da Covid-19 é a improvisación e a opinión oscilante e contraditoria das autoridades políticas e sanitarias. Sobrancea, de forma especial, a lixeireza con que se asinaron pola UE os multimillonarios contratos coas grandes farmacéuticas. Pasado o escurantismo inicial sóubose da falta de garantías dos contratos, resaltando a negativa do Big Pharma (BPh) a asumir responsabilidades sobre os posíbeis efectos secundarios das súas vacinas, elaboradas con inxentes fondos públicos. A alguén da Comisión Europea se lle ocorreu que esa oposición das farmacéuticas podía obedecer á imposibilidade de garantir a seguridade e a eficacia dos seus produtos? A ninguén se lle escapa a urxencia das vacinas, son o medicamento indispensábel para atallar a pandemia, pero o voluntarismo temerario non vai asegurar a solución do problema.

Pero ese non foi o único despropósito, a continuación revelouse a imposibilidade das compañías de subministrar as cantidades contratadas e de cumprir en tempo e forma o cronograma previsto polas autoridades comunitarias. E iso ocorreu inmediatamente despois de que a Axencia Europea do Medicamento (EMA) lle dese o seu visto bo (con grande alegría) a AstraZeneca, Pfizer e Moderna. Porén, a capacidade produtiva é un requisito esencial para a aprobación das vacinas e foi avalada sen manifestar o máis mínimo reparo. Engano do BPh ou neglixencia criminal das autoridades europeas?

Por se non abondase co anterior, a Comisión Europea tómase con parsimonia os problemas da cuestionada vacina sueco-británica, con varios casos de trombose en pacientes, e suspendida temporalmente en Francia, Alemaña, Austria ou Dinamarca, e finalmente en España. O normal sería a aplicación do principio de cautela (suspender a vacinación), investigar en profundidade a causa real destes graves episodios e non facerse o “sueco”. Non vale con dicir que os beneficios son superiores aos riscos cando hai outras alternativas. Concretamente, de forma incomprensíbel e en aberto contraste coa actitude tolerante cara a AstraZeneca, dilátanse artificialmente os procedementos que permitirían a aprobación doutras vacinas, como as chinesas ou a rusa Sputnik V, recoñecida pola súa alta eficacia e seguridade (unha plataforma vírica moi experimentada) e avalada por numerosos países e institucións científicas, ademais de ser a máis barata e fácil de conservar.

Cuestión de xeopolítica caduca ou un descarado acto de corrupción para favorecer ao lobby das grandes farmacéuticas occidentais? En calquera caso, unha actitude preocupante que deixa ao descuberto cal é o verdadeiro talante democrático da UE e o seu respecto pola saúde dos europeos. Existen outras pandemias máis letais que a Covid: as derivadas do hexemonismo agresivo, da confrontación gratuíta e dos interesados prexuízos anti-rusos e anti-chineses dos dirixentes europeos, atravesados pola colusión impúdica coas grandes farmacéuticas. Pode soar excesivo, pero a política europea está dirixida pola OTAN e as finanzas internacionais. A saúde pública non é do seu interese, e o confinamento indefinido venlle moi ben, nunca ganaron tanto.

Comentarios