Opinión

Verde non é a cor do ascenso

Xogar só co nome no peito, como se iso fose unha garantía de vitoria, é un erro garrafal. Esa é a primeira lección que ten que aprender o Deportivo tras o seu primeiro tropezo en Segunda División. Si, empatar na primeira cita é un tropezo. Porque este empate, o do Dépor, non pode ter outra cualificación. O equipo está moi verde, dixo o adestrador unhas horas antes do partido. Logo de ter máis dun mes de preparación, con futbolistas afeitos á competición, non se pode compartir tal afirmación. Unha frase, ademais, dita por un dos técnicos que, se supón, ten unha grande experiencia na categoría de prata, e que se supón sabe manexar as claves da categoría cara un ascenso.  

Tras ir liquidando pouco a pouco a case todos os futbolistas de primeira, cos que se afundiu o Dépor a temporada pasada, e ir incorporando a cambio no seu lugar a futbolistas de segunda con experiencia en segunda, o arranque resultou ser decepcionante. 

Tras un primeiro tempo aceptable, asinando un aprobado alto, o segundo tempo, sobre todo tras o gol dos coruñeses, recuperou certos síntomas vividos no pasado recente: non saber pechar os partidos e ter moi poca pólvora. Por se fora pouco, o cadro de Natxo González botou o cú cara atrás ao verse vitorioso. Con tanto tempo por diante para rematar o partido, a mensaxe de amarrar o resultado foi a condena do equipo herculino. O Albacete, que apenas fixera nada ata o gol coruñés, envalentonouse e liderou o partido a toque de remontada. O acoso foi tan evidente que o gol local foi unha realidade que se apalpaba. Tivo que ser nunha xogada discutible, como a do penalti que lle pitaron a David Simón. De nada serviron as protestas. A perna de David Simón estaba demasiado alta, aínda que non tocase o diranteiro. O caso é que o colexiado sinalou a pena máxima, e a condena estaba servida. O Albacete non errou. Empate e grazas, porque o equipo manchego aproveitou a oportunidade para ir a por moito máis. Non tivo premio. 

O cadro de Natxo González botou o cú cara atrás ao verse vitorioso

 

O equipo branco e azul xa probou o primeiro dos sinsabores desta categoría. Un aviso para tomar nota e saber o serio que debe ser afrontar esta competición desde o arranque. Un empate amargo para que os futbolistas maduren dun golpe. Non se pode estar verde. No fútbol profesional non serve ese tipo de excusas. Máximo con futbolistas que se supón que son especialistas na categoría. É inaceptable que o responsable do equipo vexa verde un proxecto no que leva traballando un tempo máis que suficiente. Claro que as mensaxes iniciais do entorno tamén están cargados de excesiva timidez. O Dépor ten que ter claro que só ten un obxectivo verdadeiro: a procura do ascenso á Primeira División. Desde o primeiro día. Hai moito en xogo e moito que mellorar. Polo visto, efectivamente, o equipo do técnico vasco está moi verde.

Un empate amargo para que os futbolistas maduren dun golpe. Non se pode estar verde. No fútbol profesional non serve ese tipo de excusas

 

As Palmas e o Málaga parece que o teñen máis claro. Eles si gañaron facendo valer que veñen de Primeira e que queren volver a ela. A competición é longa e todo pode mudar. E mudar é o que se lle pide agora a Natxo González e os seus discípulos.    

Comentarios