Imprimir

"Queriamos comprobar se a mina era nociva"

Irene Pin | 13 de febreiro de 2020

As alumnas Uxía Romero, Tais Senín e Noa Mesejo.
As alumnas Uxía Romero, Tais Senín e Noa Mesejo.
Tres estudantes gañan o Stephen Hawking cun estudo sobre a mina de Touro

O premio Stephen Hawking, organizado polo IES Rosalía de Castro (Compostela), pon en valor traballos de investigación na mocidade. Esta terceira edición gañouna Condicións medioambientais nas zonas fluviais limítrofes coa mina de Touro, de Uxía Romero, Tais Senín e Noa Mesejo. As tres alumnas do IES Xelmírez I de Santiago analizaron mostras de auga próximas á explotación concluíndo a contaminación do río que impide "sobrevivir á maioría dos organismos".

En que consistiu o estudo?

Basicamente intentabamos comprobar se a mina afectaba hai 33 anos de forma daniña á contorna. Para iso analizamos o estado de diferentes ríos que estaban nos arredores da explotación, cunha análise tanto química como biolóxica das augas. A primeira era para ver se se atopaban concentracións de metais pesados e a outra para saber que invertebrados habitaban nelas. Ambas poden axudar a demostrar a calidade das augas.

En cantos puntos se tomaron mostras e como foi a análise?

Tomamos mostras en sete lugares. Fixemos dúas series diferentes, pois houbo tres sitios nos que non puidemos tomar medidas biolóxicas, xa que había demasiado caudal ou era moi lodoso, limitando o acceso. Por mor diso, fixemos unha segunda saída para tratar de coller mostras onde non puideramos. Unha vez recollidas, xa foi todo no laboratorio do instituto e na facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela.

Por que se decantaron por este caso de estudo?

A profesora deunos a idea. Estabamos as tres informadas das novas ao redor da mina e a polémica que había. Ademais, cremos que nos afecta relativamente porque está próxima e podería chegar a Santiago. Pareceunos un tema interesante dilucidar se realmente tiñan razón as persoas que querían pechala ou se non era nociva para nada.

En relación con isto, que conclusión tiraron?

Eu penso que a mina non se debería ter aberto, ou si pero exixindo moitas máis condicións. Hai 33 anos non había límites para a explotación e tiñan as mans soltas para facer o quixesen, e iso afecta directamente ao medio. Non penso que haxa que descartar a posibilidade de volver a abrila, mais asegurando que se poñan medios suficientes para que non afecte de maneira negativa. Eu creo que iso é posíbel cun maior control das augas e de todos os minerais que se van desbotar. Porén, iso exixe traballo de investigación que ao mellor á empresa non lle compensa. 

Como foi o de presentarse ao premio?

Non o coñeciamos, pero deunos a idea a profesora. Tampouco contabamos con gañar, senón que o fixemos pola experiencia. As tres somos de ciencias e queremos dedicarnos á investigación, así que foi unha oportunidade para levar a cabo un traballo de campo, que nos gusta, malia ser laborioso e canso.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/queriamos-comprobar-mina-era-nociva/20200212165609091269.html


© 2020 Nós Diario