Opinión

Non nos humillaredes NUNCA MÁIS!

O trece de novembro de 2002 comezaba a abrir a porta desveladora daquel gran segredo que ocultaba a gravidez desde había oito meses ben cumpridos. Ían avanzando as xornadas e estaba pronta a soñada semana corenta, aquela en que a dor derramaría cara á vida nova.

O trece de novembro de 2002 comezaba a abrir a porta desveladora daquel gran segredo que ocultaba a gravidez desde había oito meses ben cumpridos. Ían avanzando as xornadas e estaba pronta a soñada semana corenta, aquela en que a dor derramaría cara á vida nova.

Recén retornada da protocolar consulta xinecolóxica que confirmaba que aquela pequena comezaría a pedir paso en breve, prendo a televisión á procura dun pequeno repouso pasaxeiro, acompañado de distración simple que despistase o pensamento e repuxese a canseira xestacional, mais a imaxe audiovisual recíbeme cunha sacudida informativa: Prestige, un petroleiro, unha vía de auga, escape de fuel, forte temporal, perigo de afundimento, desastre ecolóxico, costa galega, Muxía, zona cero, SOS.

"E a resposta chegou desde a esfera política con responsabilidade de goberno: cumpría afastar o barco da costa para evitar a catástrofe ecolóxica".

Non podía imaxinar que aquela confusión inauguraría o que nos días sucesivos sería a miña procura compulsiva de secuencias de imaxes e informacións a través de todos os medios posíbeis, próximos e lonxanos, que convertesen en respostas firmes e convincentes tantos interrogantes a viciaren o ar. E a resposta chegou desde a esfera política con responsabilidade de goberno: cumpría afastar o barco da costa para evitar a catástrofe ecolóxica.

Fomos ficando sós /o Mar, o barco e mais nós, ecoaban en min os versos de Manuel Antonio.

O barco ameazaba día tras día con se partir en dous. O chapapote non cesaba na súa teima de ver o sol para tinguir de luctuosa noite negra a asfixia do bravo océano, coa primeira marea negra intoxicando as praias entre Fisterra e Touriñán e activadas as primeiras prohibicións de áreas de pesca, mais deitando lonxe a ferida supurante e co armador culpábel preso na prisión de Teixeiro. Chegan as declaracións tranquilizadoras do goberno galego e español, que logo se souberon narcotizadoras do pobo e ás que a masa popular deu resposta en forma de reivindicativa Burla Negra ao berro coral de Nunca máis. Porque a memoria persoal e as hemerotecas falan:  "Estuvo a punto de provocarse un nuevo Erika, pero se ha evitado", "No se trata de una marea negra, sólo de un vertido de fuel", "Sale muy poquito combustible, un reguerito de fuel que se apaga y vuelve a salir en forma de bola, un manchón...", "La rápida actuación de las autoridades españolas ha evitado una verdadera catástrofe pesquera y ecológica" .

Seis días despois impúxose o escenario máis cruel para a tramoia política máis indignante argallada contra o mar, a vida no mar, as xentes do mar, nun país que respira mar de ardora e arrolos de salitre. Millas e toneladas aliadas nunha catástrofe de magnitude previsíbel só para aqueles que non tiñan autoridade nin poder para recompor o sentido común desde intereses colectivos nacionais. Quilómetros de costa asulagados a medraren a ritmo vertixinoso para transparentaren a infamia dunha restra de declaracións obscenamente negadoras da realidade.

As imaxes da canle televisiva oficial galega legaban a miseria da infamia da mentira oficial contradicida pola realidade cruel e devastadora doutras canles, españolas e internacionais, que clamaban verdades sen censura. 

E o meu corpo a rebulir por dentro asistía ao desconcerto de voces e imaxes, á raiba contida e desesperada que o verme da mentira sempre quere inocular en nós para disfrazar a chuvia no país da chuvia. 

Marea negra, marea negra, repitan comigo, catástrofe ecolóxica, medioambiental e económica sen precedentes. Perdemos o mar, perdemos a mariña, perdemos a vida. Muxía, zona cero, orixe da cartografía da toponimia galega costeira petroleada. 

O cadavre d' o Mar / fixo d' o barco un cadaleito, vaticinara Manuel Antonio.

"Aniñan no ar as preguntas máis racionais da infancia. Por que pasou? De quen foi a culpa? Como única resposta, interrogamos tamén. Ti que pensas? E Mariña sentenza: de quen mandou botar o barco ao mar lonxe?"

Mais, á par da derrota, da indignación e da impotencia, cando a marea branca solidaria se abre paso como activa rosa do ventos, a natureza seguiu o seu curso en min e o cinco de decembro, ás 04:30 horas, aquela nena chegou a nós para inaugurar un tempo novo. No difícil trance dos meses previos que supón decidir que nome recibiría, que palabra a identificaría a si propia e perante o mundo, que voz nos uniría como un cordón umbilical extrauterino, a decepción do presente levounos á ilusión por un futuro mellor, máis xusto co mar e a mariña. Mariña,  ese tiña que ser o seu nome.

Hoxe, once anos despois e coa esperanza nun procedemento xudicial obxectivo, imparcial, rigoroso e sobre todo xusto, voltamos a revivir o acedo desgusto da decepción, mais agora inflamada perante unha sentenza que nega a existencia de responsábeis -logo hai irresponsábeis!-, absolve os acusados e exculpa o Estado.

E así fomos ficando sós, sen o barco, sen o mar e sen responsabilidade política.

Hoxe, once anos despois, a nosa Mariña ve as imaxes devastadoras daquela derrota colectiva. Aniñan no ar as preguntas máis racionais da infancia. Por que pasou? De quen foi a culpa? Como única resposta, interrogamos tamén. Ti que pensas? E Mariña sentenza: de quen mandou botar o barco ao mar lonxe?

Ben sabemos que hoxe non chove. Convoquemos a vontade da razón e o corazón orgulloso de país para asegurarmos que non lles permitiremos pensar que poden mexar por nós.

Porque desta Memoria da Noite, coreando os sons de Luar na Lubre,

Volverei, volverei á vida
 
cando rompa a luz nos cons

porque nós arrancamos todo o orgullo do mar,

non nos afundiremos nunca máis;

que na túa memoria xa non hai volta atrás:

non nos humillaredes NUNCA MÁIS. 

Comentarios