Monterrei vai lembrar e homenaxear este mes de agosto a Joaquín Balboa, o preso número 3833 no campo nazi de Mauthausen (Austria), onde estivo entre 1943 e 1945. O seu compromiso político e os propios avatares da vida levaron a este perruqueiro de profesión a dar nun dos complexos de exterminio postos en marcha polo nazismo, logrando sobrevivir e chegar a Barcelona, onde viveu durante décadas antes de retornar á súa aldea natal, onde finou en 1994. Monterrei quer renderlle homenaxe e vaino facer mediante unhas xornadas e un acto institucional, que decorrerán a comezos de agosto.
A homenaxe institucional terá lugar en Estevisiños o 6 de agosto. Alí procederase a declarar Joaquín Balboa fillo predilecto de Monterrei e a inaugurar un monumento conmemorativo. Haberá intervencións (entre elas, de representantes de Amical, a principal asociación española de represaliados polos nazis), lectura de poemas e actuacións musicais.
Xornadas
Con anterioridade terán lugar unhas xornadas sobre exilio e deportación. Haberá proxeccións de documentais e palestras sobre os galegos nos campos de exterminio e das mulleres recluídas nos campos de concentración. No marco destas actividades terán lugar tamén exposicións e outras actividades.
Uns 300 galegos pasaron por Mauthausen, onde os prisioneiros traballaban de sol a sol e en condicións infrahumanas na canteira. Segundo datos da asociación Amical, 102 galegos morreron neste campo.