Opinión

Lavar o sangue en Arabia Saudita

Poden os cartos lavar o sangue? A pregunta vén a conto da celebración da Supercopa de España en Arabia Saudita. Onde están quen vociferan decote sobre os dereitos humanos en Cuba ou –antes do golpe de estado– en Venezuela? A federación de fútbol recibirá 120 millóns de euros, 40 cada ano, a metade deles para os clubs. A chuvia de euros actúa como un branqueador máis efectivo que a lixivia, como unha das ferramentas que nas novelas de ciencia ficción borran a memoria. Os cartos fan esquecer que Arabia Saudita é un dos países máis autoritarios do mundo, unha monarquía absoluta na que non hai parlamento, nunca se celebraron eleccións nin están permitidos os partidos políticos. É definido pois como unha ditadura. Existe un Consello Consultivo, a Shura, nomeado polo rei, mais non é lexislativo, tan só pode realizar propostas. Porén as autoridades relixiosas, os ulemas, si teñen un papel destacado no goberno.

O sangue do título non é unha metáfora: o 2 de outubro de 2018 o xornalista Jamal Kashoggi foi asasinado e desmembrado no interior do consulado de Arabia Saudita en Istambul. Apúntase ao príncipe herdeiro, Mohammad bin Salman, como responsábel do asasinato, aínda que a investigación encargada polo réxime acabou en decembro pasado nunha condena a morte dos acusados de menor rango. Amnistía Internacional e outras ONGs denuncian a continua violación dos dereitos humanos, as torturas, as execucións. Hai nomes coñecidos como o do blogueiro Raif Badawi, condenado en 2014 a 1000 lategazos e dez anos de prisión por apostasía e insultos á relixión islámica, ou o da activista polos dereitos das mulleres Loujain al-Hatoul, torturada e pendente de xuízo por tomar parte, xunto con outras mulleres en maio de 2018, nunha acción tan subversiva como conducir. Lograron o seu propósito, desde xuño de 2018 as mulleres poden guiar, mais elas seguen no cárcere. Entre os dereitos humanos non respectados en Arabia Saudita están a liberdade política, a relixiosa ou a de orientación sexual, expoñéndose as persoas homosexuais a seren condenadas á morte. Até agosto de 2019 as mulleres, debido á estrita interpretación da lei islámica, permanecían toda a vida –agora até os 21 anos– baixo a tutela dun varón, o seu "gardián", pai, irmán ou marido, que debían autorizalas a viaxar, conducir, vender ou comprar propiedades ou mesmo a recibir determinados tratamentos médicos. A operación de branqueo causa vergonza.

Comentarios