Imprimir

#Sermos339: Os fondos estranxeiros pescan na Galiza

Redacción | 20 de marzo de 2019

As dúas capas do número 339 de Sermos Galiza
As dúas capas do número 339 de Sermos Galiza

O desembarco de grandes fondos de investimento e capital desembarcaron en sectores estratéxicos galegos. Poñemos o foco neles no número 339 do semanario Sermos Galiza en papel.

Como en cada cuarta feira sae un novo número do semanario Sermos Galiza en papel. E xa van 339. Abrimos, nesta ocasión, cunha reportaxe sobre os fondos de investimentos e capital que “pescan” en sectores estratéxicos para Galiza como son as infraestruturas (entre elas a AP-9), a enerxía ou a alimentación.

 

Sociedade comeza cunha análise da xornalista María Xosé Porteiro sobre a prostitución, con datos que revelan que na Galiza funcionaban en 2014 un total de 240 clubs de alterne e 323 pisos de contactos. A loita social contra a mina que Atalaya Mining pretende abrir en Touro e no Pino é outro dos temas que tratamos neste número.

 

Os 25 anos da CIG e as experiencias de mozas e mozos que decidiron centrar as súas vidas no rural son as cuestións que debullamos en Economía, mentres que en Política coñecemos as perspectivas electorais de Vilagarcía de Arousa e os nomes que representarán as distintas forzas políticas na Galiza. Internacional dedicámolo a Venezuela, cunha análise do estudoso Xurxo Martiz.

 

Fóra de Serie abre cunha nova entrega de “A Galiza ignorada”, que nesta ocasión protagoniza Orosio, o grande historiador do século V. Ademais, entrevistamos Domingo Villar en relación ao seu esperado libro O último barco.

 

Mario Regueira dedícalle a crítica literaria a As mulleres da fin do mundo, de Daniel Asorei, e Andrés Castro fai o propio co filme Blade Runner. Neste número recollemos unha nova crítica teatral de Manuel Xestoso, que debulla as principais obras que se presentan aos premios María Casares.

 

Da man do colectivo Xea coñeceremos un roteiro da Pobra a Boiro pola beira do mar e Mercedes Espiño proponnos como receita unha crema de froitas vermellas. O viño, Señor Cuco. Aliás, “Galiza no mapa” é protagonizado pola cartografía de Pirrus de Noha.

 

A respecto das columnas, Iolanda Gomis escribe sobre feminismo galego, mentres que Iria Veiga analiza a relación entre saúde e xénero. En Opinión publicamos as seccións de Marilar Aleixandre e Guillerme Vázquez e, como cada semana, Xoán Costa ofrécenos un novo “A ollo nu”, sobre Proezas de Galicia. O humor gráfico chega da man de Nacho Hortas e de Tokio.

 

Completa este número o Somos Galego, o suplemento bimensual da Mesa pola Normalización Lingüística.

 

Podes mercar o semanario na loxa ou nos quiosques.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/fondos-estranxeiros-pescan-galiza/20190320171815077242.html


© 2020 Nós Diario