Opinión

Cuestión de confianza persoal, complicidade co sistema, ou construción do cambio

Pensar que a liña política do PSOE e de Pedro Sánchez está condicionada polo grao de simpatía ou aversión que lle cause a persoalidade e declaracións públicas de Pablo Iglesias e Unidas Podemos, ou ao envés, sería pasar por alto que na actividade política este tipo de cuestións hai que deixalas de lado dende o primeiro día de militancia. Se estes aspectos fosen un impedimento os partidos perderían non poucos afiliados e afiliadas, e mesmo cadros. O que realmente conta é a liña política, os avances, a capacidade para dar participación e protagonismo. Tamén, e non se pode obviar, que dende que as revolucións semellan superadas, incide todo o que vai asociado á chamada “clase política” para ocupar cargos de dirección ou nas institucións. Esta tendencia ten máis forza nos partidos sistémicos, especialmente cando están moi ligados ao mundo empresarial e outros poderes facticos (hai quen ve a política como unha vía de ascenso social e económico).

Polo tanto, para alén de que se caian ben ou mal, que Pedro e Pablo non estean xuntos nun futuro governo é por outras razóns, así como ningún cadro de Podemos. A primeira, porque non existe confianza respecto de que as conversas do Consello de Ministros perdan o carácter segredo que hoxe teñen, agás aquelas medidas e declaracións que poden e deben ser coñecidos polo resto dos mortais. Ou sexa, malia que UP foi perdendo carácter rupturista, o PSOE e os que mandan na Unión Europea, teñen temor a que por indiscrecións de UP, tan dependente da rede, ou por “purismo”, terminen aparecendo nos medios as tácticas e métodos cos que se garante a explotación e opresión.

O segundo aspecto, é que existen diverxencias no programa e na folla de ruta, ou sexa, de como e cando se deben tomar medidas que atinxen o reparto da renda e a cuestión da soberanía, e con que grao de consenso e diverxencia coas clases dominantes. Malia que algúns destes temas formen parte das promesas electorais do PSOE, levalas adiante é outra cousa. Por exemplo, a eliminación da reforma laboral, lei mordaza e artigo 315.3 do CP, o tema das pensións, da dependencia, así como o dialogo co soberanismo catalán. Estas diverxencias nos contidos e nas formas, que condicionan a actividade política para este período, foron recoñecidas por algúns membros do Governo nos últimos meses, como parte da cuestión central, malia que despois a nivel mediático pon énfase nas desavinzas persoais. Agora ben, aínda que o PSOE houbese preferido un pacto con Ciuadadanos, dado o xiro no discurso e os pactos realizados por este partido, a posibilidade desta coaligazón semella morta tanto hoxe como despois das vindeiras eleccións, calquera sexa o resultado.

Un escenario complexo e moi dinámico

Contando con este escenario tan complexo, a esquerda estatal e soberanista debe construír a súa folla de ruta e a política de alianzas, nun contexto no que se avivaron os sentimentos españolistas e centralizadores, coa complicidade do PSOE. Ademais, as novas eleccións poden dar unha nova oportunidade á dereita, máis centralista e privatizadora, porén non mudaría moito a correlación de forzas na “esquerda” no Estado español, e o soberanismo mantería seu peso institucional. E sobre todo, non se pode ignorar que non servirá para que avance a conciencia política. Pola contra, pode axudar a intoxicar algo máis respecto das responsabilidades dos partidos na grave situación laboral e social, ecolóxica, etc. sen distinguir entre as distintas opcións políticas, e ignorando a complicidade doutros poderes, esencialmente do económico. Neste intre xa estamos mergullados neste debate distorsionado, máis centrado nas formas que nos contidos, para satisfacción das clases dominantes, que ademais teñen varios equipos propios no campo de xogo.

Porén, este contexto sobre todo evidencia os límites da “nova política” ligada á preeminencia da vía institucional, con partidos apoiados nos medios e nas redes, e accións de masas circunstanciais, e con obxectivos parciais. A práctica amosou, primeiro, que non era posíbel “tomar o ceo por asalto” con tanta facilidade, e agora, que tampouco é doado formar parte do Governo do Estado para ter así unha “maior garantía” de que se cumpren os obxectivos pactados. É dicir, a vía institucional ten límites non escritos e trampas colocadas polo sistema, para garantir os obxectivos do capital (imperialista). Hai quen dirá que isto non sempre é así, e póñense como exemplos os concellos e autonomías, mais entre estas institucións e o Governo central hai un salto cualitativo en materia de competencias. As primeiras, carecen de soberanía, teñen un carácter subalterno, e non poden mudar no esencial ás políticas macro-económicas, as relacións laborais, e os principais mecanismos estatais de redistribución (pensións, desemprego, etc). Polo tanto, na práctica, ou sexa para alén da leria electoral, nen o que está en xogo nen os criterios son iguais segundo a institución de que se trate e do papel que xogo no marco do Estado español.

Etapa senil do capitalismo

É dicir, non abonda cunha folla de ruta baseada na loita das ideas e nunha forte presenza nas institucións para avanzar na loita contra a explotación e opresión. Resulta evidente que neste contexto cómpre neutralizar outros mecanismos de control en mans das clases dominantes (poder xudicial, forzas de seguridade, control da economía e dos medios e da cultura de masas, etc.). E, para conseguir estes obxectivos é fundamental a mobilización social organizada, ou sexa, coa máxima participación e protagonismo consciente das clases populares. E para isto é esencial a vangarda militante partidaria, como proxecto colectivo, de iguais, cunha coherencia e entrega de ferro, que analiza o momento e socializa as tácticas e a folla de ruta, e orienta e alenta a construción do poder popular. A outra alternativa é o “líder supremo, tribuno ou deus”, trátase dunha experiencia que unha e outra vez na historia terminou demostrando que ao final do percorrido non servía os intereses populares, ou que fracasou no seu intento transformador porque era unha construción elitista máis que colectiva. Necesítanse, máis que nunca antes, forzas moi amplas e ao mesmo tempo de aceiro para terminar coa globalización neoliberal, co imperialismo. E isto é así tanto polo inmensa centralización e concentración do poder e da riqueza en man das clases dominantes, como porque o capitalismo está hoxe na súa etapa senil. É dicir, non pode resolver ás contradicións económicas-sociais-ecolóxicas-culturais, nen facer concesións ás clases e aos países subalternos, xa que necesita da destrución, da depredación, da desigualdade, para manter vivo o sistema.

Estes límites do capitalismo imperialista nesta etapa reflíctese no Estado español nos atrancos para construír unha coaligazón de Governo entre o PSOE e UP. Mais tamén no tratamento e reaxer dos partidos da dereita e da esquerda sistémica respecto do recoñecemento do carácter plurinacional do EE e do dereito de autodeterminación nacional (máxime cando cuestiona un feito que ten séculos de historia, e forma parte da construción da identidade da “nación española” como é a dominación por Castela das nacións periféricas, lembremos que é un proceso que comeza moito antes da conquista de América). Sen mudar está correlación de forzas nas institucións, na sociedade, e no contexto internacional, non é posíbel conquistar avances cualitativos no relativo á xustiza social (reparto do traballo e da riqueza producida), dos dereitos democráticos, e especialmente respecto da soberanía das chamadas nacionalidades históricas. En todos estes aspectos o camiño escollido pola “nova esquerda” para acadar transformacións profundas no sistema amosouse inviábel nun tempo récord, malia que vivimos nunha conxuntura con grandes contradicións en todos os ámbitos. E isto  último tamén é valido para as nacionalidades dependentes no Estado español, e sobre todo para o futuro da Unión Europea, con todo o que isto implicaría.

Suxeitos políticos transformadores que ilusionen

A única saída posíbel, neste marco xeográfico e momento histórico, e con esta correlación de forzas e estado de animo da xente, é a construción de suxeitos políticos que ilusionen ás clases populares. E isto significa ofrecer obxectivos transformadores que se vexan como posíbeis, e polo tanto que se desenvolvan no corto, medio e longo prazo. Ou sexa, ligados axeitadamente no discurso, no relato. Asociando deste xeito os obxectivos actuais, unidos aos problemas cotiás da clase traballadora e outros segmentos populares, como reverter os retrocesos laborais e democráticos. Porén, ampliados con propostas a medio prazo, como a nacionalización de sectores esenciais e outros avances económicos e sociais, que permitan o control colectivo e un reparto máis xusto do traballo e da riqueza; dándolles unha perspectiva estratéxica. Trátase de acumular avances sucesivos, no plano concreto e de construción dunha consciencia liberada, que permita crear un estado de animo e unha correlación de forzas favorábel á ruptura, ao triunfo da liberación nacional e a superación do sistema capitalista. Un proceso que non será lineal, mais no que cómpre manter acotío a iniciativa para que sexa un punto de referencia, e se converta progresivamente na tendencia dominante.

Para desenvolver este proceso de cambio, de transformación, cómpre formación interna, organización, folla de ruta e relato, para acadar  unha ampla complicidade popular co proxecto. Ou sexa, é central a loita das ideas e a mobilización permanente por obxectivos concretos, ligados a campañas e manifestacións que se manteñan no tempo, para ser punto de referencia e fixar conceptos, e poder avanzar e conquistar cambios estratéxicos. Para deste xeito eliminar os corsés económicos e culturais do sistema, permitindo que amplos sectores da sociedade dean un salto cualitativo na praxe, ou sexa na conciencia política (vendo como propios en toda a súa dimensión os obxectivos e a folla de ruta para a transformación) así como na mobilización, como pasos necesarios para a construción do poder popular.

Non hai cambio posíbel sen loita das ideas, ligadas á realidade, á mobilización, e á súa evolución tendo en consideración o proceso histórico e os escenarios posíbeis, táctica e estratexias para cada momento. Non hai cambio posíbel sen participación e protagonismo do povo, e especificamente da clase traballadora, que é máis do 80% da povoación activa. Non hai cambio posíbel sen ligar a loita de clases coa liberdade nacional, coa igualdade de xénero, cos dereitos de identidade, coa defensa do ecosistema, coa democracia, coa paz e solidariedade. Non hai cambio posíbel sen un partido revolucionario (ou partidos revolucionarios).

Tomar a iniciativa

Polo tanto, coido que para este intre histórico é correcta a visión política do soberanismo de esquerda vasco e catalán encol do marco estatal, cando considera: que permitir que governe o PSOE é o escenario menos negativo. Malia que a actitude “progresista” de Pedro Sánchez se reduza a intentar métodos menos agresivos, mais igual de centralistas na cuestión nacional, e cinguíndose a obter do capital algunhas concesións para reducir as consecuencias máis estremas da explotación, sempre evitando a confrontación co sistema. Mais, saben os soberanistas vascos e cataláns, aínda que sexa por distintas razóns, relativas á súa historia e á realidade de cada país, que deben dar un paso atrás para gañar tempo, para desenvolver novas estratexias. E deste xeito seguir avanzando, aumentando a base social organizada, conquistando novas complicidades e neutralizando a sectores hoxe confrontados coas súas propostas. Saben que manter a guerra de posicións na liña de fronte na declaración “simbólica da independencia” afonda na paralización do proceso, e polo tanto na parálise e na derrota. Isto é o que semella non entender UP, cando teima na coaligazón, e algúns sectores do nacionalismo periférico cando se reafirman no maior logro, ignorando os cambios, mesmo que sexa por distintos motivos. No que respecta a Podemos: se cadra sexa polo rápido do seu ascenso? Por representar no esencial a persoas sen moita tradición militante e sectores das clases medias acomodadas?

Tamén cabe a posibilidade que neste intre, por parte de UP, só se trate de deixar en evidencia que o PSOE nunca quixo pactar. Mais se fose así, tería que poñer maior énfase no programático e menos nos cargos, e sobre todo ligar o debate coa iniciativa social, máxime cando o PSOE escenifica unha  asunción das reclamacións de distintos colectivos, pouco críbel para os sectores máis politizados, tendo en consideración a súa historia, mesmo a máis recente. Daquela, a sensación que se transmite á sociedade por parte de ambos partidos, en competencia coa dereita, sería que o esencial son os cargos, degradando o valor da política, especialmente entre as clases sociais que máis sofren a explotación capitalista; un aspecto que nas nacionalidades históricas ademais está asociado e condicionado por mor da opresión nacional (como na Galiza).

Coa globalización a abstención é unha opción con moita forza na clase obreira, desempregados/as e mocidade (como reflicten as enquisas e saben aqueles que están na base da actividade sindical). Xa que carecen de referencias partidarias de clase ou estas confundiron a política de “fronte de clases” cos “movementos interclasistas”, propios dos países con escasa clase obreira ou influídos pola “proposta social” da Igrexa que tiña como obxectivo limar a loita de clases. Asemade, a estrema dereita centralista-neoliberal-confesional, ou sexa franquista, xa non se ve por amplos segmentos como o demo; foi homologada polo PP, Ciudadanos e os medios.

Ou sexa, os resultados dunha nova convocatoria electoral non están tan claros, digan o que digan   as enquisas neste intre. Os tempos da política institucional son moi complexos e dinámicos (vexase Grecia, Italia, Brasil ou Arxentina). Mesmo caneando un triunfo da dereita, tampouco se resolvería ren, e as posturas serían máis confrontadas na esquerda e o “progresismo”. Tampouco se poden obviar movementos políticos non esperados, novas alianzas, fracturas ou aparición de novos partidos. Hai tendencias e escenarios posíbeis que serven para que fagamos valoracións previas, mais neste intre hai poderes fácticos con moita capacidade para mudar en días a realidade, o estado de ánimo, dado a súa hexemonía no ámbito da información, da cultura de masas, e a cantidade de horas que as persoas adican pasivamente como ouvintes, lectoras e expectadoras. Son aspectos que non se poden ignorar, máxime en tempos con partidos tan débiles, follas de ruta tan imprecisas, e as clases populares tan desmobilizadas no político. Pensemos e obremos estratexicamente, e ademais, debemos estar preparados/as sempre para o escenario máis negativo.

https://obloguedemera.wordpress.com/