Todo canto eu amei perdéuseme contigo:
a luz clara e vibrante da miña xuventude,
os bosques entrañables perfeitos de quietude
onde o vento vivía con un lecer antigo.
Entón era o silencio o meu mellor amigo,
era eu namorado de todo canto vía,
vivir era unha leda, fermosa moradía
onde o mencer entraba recendendo a pantrigo.
De súpeto viñeches con esa lonxanía,
caraveliño feble en terra ventureira
e eu abrín outra nova fiestra para o día.
E todo canto amei foi unha lumieira,
foi a fouce tan íntima que decote se afía
para ceifar dun pulo brutal a primaveira.
Poemas a Fina Barrios—1960
Miña Patria:
Eu son o teu soldado máis forte.
A túa lingoa é a miña espada
e cando debullo unha canción,
cando florece unha palabra,
canta en min o labrego cavador,
o emigrante e poeta,
o mariñeiro,
o home que amasa o pan e moxe o leite.
¡Non son un home: son un pobo
e ninguén me pode domear!
Nova Crónica de Ulises 78/81
Entre a delicadeza do primeiro poema e a decidida resolución do segundo, bandea a vida do compañeiro Avilés de Taramancos, a quen hoxe rendimos merecida memoria. El, que morreu encetando a primavera e que naceu tamén, no inicio desta estación que marca a esperanza pró labrego e prá vida.
Esa vida que vista desde a súa biografía é tormentosamente cambiante, de aventureiro, explorador, emigrante, home dos mil oficios, sensible e rotundo poeta... Un home de mil vidas que dá fe de VIVA VIDA.
Saiu daquí e aquí regresou aquí, coma bo fillo desta terra.
Retomo o espazo entre a delicadeza e a resolución.
Delicadeza pra senti-lo amor, pra analisa-la realidade con sentimento. Resolución pra entregarse a esa causa: a do amor á Matria, ás xentes deste noso AMOR, desta nosa QUERENCIA de perfección.
Ese facer día a día o labor continuado de defensa e ollada longa pra este noso pobo.
A resolución que inunda esa entrega, na certeza de que é só o camiño por andar o que interesa. A meta sempre será inalcanzable porque nese amor de perfección a cada paso que andamos alonxamos outro tanto a consecución dos propósitos.
Aí está o quid da cuestión. A certeza do camiño.
É o exemplo que hoxe tomamos de Avilés o convencemento da necesidade de homes e mulleres que saian a ese camiño colectivo que debemos andar pra construir un País. Unha Matria que sexa de todos, onde non caiban os ladróns, os corruptos nin a explotación do ser humano sexa legal e ben vista.
A meta sempre será inalcanzable porque nese amor de perfección a cada paso que andamos alonxamos outro tanto a consecución dos propósitos
Onde o aproveitamento sostible deste paraíso sexa o alicerce dunha vida feliz que se extenda, alomenos, ós fillos dos fillos dos nosos fillos. Onde o aire que respiremos sexa a atmósfera da igualitariedade. Onde só exista o amencer da esperanza colectiva. Onde sempre sexa primavera.
Amigos, compañeiras. Esta fin de semana iniciamos... continuamo-lo camiño. Tra-las dúbidas, logo das consideracións que os camiñantes consideremos oportunas, pasado o fragor do combate, marcada a ruta, lambida-las feridas, bebido o viño da fraternidade e renovado o convite ó resto da sociedade, tede a SEGURIDADE que camiñaremos con renovado vigor porque esta Matria así no-lo pide e necesita.
Saúde e Terra. Vémonos esta fin de semana.
NO CAMIÑO
Noia, 23- marzo- 2017