Opinión

Begin the Verín

Así rezaba unha pintada que lucía nalgún muro de Compostela na década de 1970. Era obra dun comando ridiculista con  orixe na comarca de Monterrei. Como na canción de Cole Porter, algo importante había de empezar en Verín. Así mo ten contado a miña mai, amiga dalgún membro daquela cuadrilla precursora do revival retranqueiro. Eu daquela non nacera, ou estaba por chegar. Como meus pais non estaban casados, a miña mai non tivo dereito a parir nun hospital público, e por iso me toucou nacer nunha clínica privada onde o persoal de enfermería eran monxas con ben pouca empatía cunha muller grávida á que consideraban a encarnación do pecado. Así que eu  vin a luz tras un parto absolutamente instrumentalizado, no que a miña mai foi anulada até o punto de que a sedaron e non lembra nada, só algúns comentarios despectivos previos das freiras. Poderíase pensar que eran resquicios do tardofranquismo, que se resistía a deixar paso a unha sociedade laica na que fosen respectados os dereitos das mulleres sobre os seus corpos. Mais, corenta anos despois, en Verín obrigan a unha muller a separarse do seu bebé acabado de nacer para que poida ser revisado polo equipo de pediatría de Ourense, a máis de 70 quilómetros. Seica en Verín non nacen abondas crianzas para manter ese servizo. Algúns días despois, outra nai recentemente parida négase a ser separada da súa filla e ten que asinar unha chea de papeis nos que se lle expón o risco ao que está a expor á súa crianza. Unha  pinga máis de culpabilización, un ingrediente ao que xa estamos afeitas e que, en estados de vulnerabilidade física e psicolóxica como o puerperio, créanme que pode ser fatal.  

Seica un parto non é un infarto, din os señoros que tomaron a decisión de pechar a sala de partos e o servizo de pediatría do hospital de Verín. Claro, a eles nunca lles vai tocar pasar por ese transo. Mais desta volta, non van topar co silencio resignado das mulleres perante a vulneración dos seus dereitos. En Verín deron coa oposición frontal, non só do persoal sanitario e a veciñanza, mais de todas as mulleres galegas que saben que con esa decisión nos están a roubar moito. Que xa abondou de que tomen decisións por nós. En Verín vai comezar algo. Xa o dicían os muros cando eu nacín.

Comentarios