Opinión

Arsenio Fernández de Mesa non coñece o desemprego

O nomeamento de Arsenio Fernández de Mesa como conselleiro da empresa “Red Eléctrica de España” é a penúltima demostración de que a rexeneración da vida política española segue estando no catálogo de asuntos pendentes para que se poda falar dunha democracia de calidade contrastada.

Sabiamos que o ex-delegado do goberno central naquel inesquecíbel período da catástrofe do Prestige formaba parte do selecto -e sagrado- grupo de amigos de Mariano Rajoy. E tamén coñeciamos a lóxica siciliana que practica o actual inquilino da Moncloa cos seus leais servidores. Aínda asi, podiamos pensar que todo o sucedido nos últimos anos e, singularmente, os episodios vividos coas “portas xiratorias”, actuaría como ferramenta preventiva para evitar novos casos, alomenos durante unha tempada.

Quen pode alegar ignorancia sobre a traxectoria de “Cuco” Fernández? Hai alguén capaz de imaxinar que as razóns deste nomeamento radiquen nos coñecementos e/ou capacidades demostradas polo ex-director da Garda Civil no ámbito do sector eléctrico?

Quen pode alegar ignorancia sobre a traxectoria de “Cuco” Fernández?

Non hai marxe para a dúbida. O PP decidiu pagar todos os servizos prestados por este político profisional mediante unha retribución anual non inferior aos 150.000 euros con cargo a unha empresa cuxo accionista mais relevante é a SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais). E velaquí a última obscenidade desta operación: mentres a grande maioría dos consumidores padecen unha suba insoportábel do recibo da luz, Arsenio Fernández vai disfrutar dunha “canonxía” espectacular por parte da empresa que xestiona a rede de transporte da enerxía eléctrica.

A gravidade do sucedido merecería unha reprobación expresa do Congreso dos Deputados, aproveitando a situación minoritaria na que se atopa, dende o pasado mes de xuño, o Partido Popular. Pero iso requiriría unha posición favorábel do PSOE e aí aparece, mais unha vez, a sombra das referidas “portas” polas que transitaron Felipe González, Elena Salgado e outros cadros dirixentes socialistas. A estratexia de oposición “cooperativa” promovida pola actual xestora de Ferraz pode arruinar boa parte da súa eventual credibilidade por mor desa forte hipoteca que afecta dende hai anos a este partido centenario.

A estratexia de oposición “cooperativa” promovida pola actual xestora de Ferraz pode arruinar boa parte da súa eventual credibilidade

Polo que se ve, Rajoy pensa que este suceso non vai ter consecuencias electorais. Está convencido de que os seus votantes asumen que isto forma parte habitual, “normal”,da actividade política. Que as cousas son así e que os demais, se poden, fan o mesmo. A complicidade desa parte do corpo social segue sendo o factor fundamental que explica a impunidade destas condutas eticamente impresentábeis

Comentarios