Imprimir

A CRTVG desmente ter filtrado as palabras de Irene Montero sobre 8-M

Redacción | 02 de xuño de 2020

Plató da CRTVG (arquivo).
Plató da CRTVG (arquivo).
A televisión pública galega desvincúlase das imaxes da ministra de Igualdade gravadas nos momentos previos a unha entrevista para a EITB no Día da Muller.

"A CRTVG é allea á citada filtración e rexeita o uso de imaxes gravadas na previa dunha entrevista sen respectar a praxe de confidencialidade comunmente estabelecida", asegura o ente público nun comunicado emitido esta terza eira.

Así, a corporación dos medios públicos da Galiza desvincúlase da "difusión e filtración" da conversa previa a unha entrevista no Día da Muller que mantivo a ministra de Igualdade, Irene Montero, cunha xornalista da Euskal Telebistako (ETB), cuxo contido foi publicado esta semana no xornal ABC

As imaxes distribuíronse a todas as canles públicas do Estado a través da Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA) e, segundo avanzou o xornal dixital Eldiario.es, o único medio que solicitou o bruto das imaxes foi a TVG.

A televisión pública de Euskadi salientou nun comunicado que non emitiu nin no programa En Jake, nin en ningún outro espazo, as declaracións da ministra que reflicte agora o citado xornal estatal, ao consideralas parte dunha conversa previa á entrevista.

Porén, desde a dirección da televisión pública alegan que "a calidade das imaxes filtradas, que circularon á súa vez a través do circuíto interno da FORTA, non se corresponde co estándar técnico das imaxes de arquivo da CRTVG".

No seu comunicado, a CRTVG tamén incide en que exercerá "accións legais contra quen acuse á Corporación de ser a fonte de dita filtración".

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/a-tvg-desminte/20200602133104098820.html


© 2020 Nós Diario