Blogue | E eu que sei

O PSOE aquí (e González Laxe, Pérez Touriño)

Hai un par de días anoxeime cun político mozo, un dirixente das Juventudes Socialistas de Aragón. O tal ponderaba se o PSOE debera dar os seus votos no parlamento galego para que presidise un goberno progresista Ana Pontón, BNG, ou se debera permitir que seguise a presidir Alfonso Rueda, PP. E eu non lle debera ter chamado o que lle chamei, pois que el ultrapasase todas as liñas vermellas da decencia política non xustifica que eu non garde as formas e as boas maneiras. O Eduardo Blanco Amor escribiu un libro, Las buenas maneras, hai moitos anos precisamente para que as teñamos en conta.

Mais hai un motivo decisivo para o meu encarraxamento, que o que o tal político xuvenil formulaba explícitamente é cousa que xa veu facendo reiteradamente o PSOE na Galiza moitos anos. O PSdeG ten un pasado a revisar autocríticamente para non repetir agora no presente. Quitados dous interregnos, o de Fernando González Laxe e o de Emilio Pérez Touriño, o PSdeG permitiu ou asentiu a que o PP gobernase a Xunta. E non me importan tanto unhas siglas ou outras canto os custes sociais que tiveron para o noso país esas décadas de entrega a intereses foráneos contrarios ás nosas necesidades. Importa o dano que se lle fixo a Galiza, aos galegos e galegas.

Fica lonxe no tempo o breve goberno na Xunta de González Laxe, foi efémero e frustrado. E era de ser pois naceu xa mal, como unha consecuencia dunha crise dentro do partido da dereita e inducido pola ambición e o resquemor de Xosé Luís Barreiro Rivas; que agora escribe o que me contan que escribe en La Voz. Un goberno nacido así, dunha alianza tan traumática tiña lexitimidade política, pois tiña os votos, mais carecía de lexitimidade moral e, o peor, de estabilidade, agravada por escándalos e trapisondas. No breve tempo que durou fixo algunhas cousas boas que non puideron ser reivindicadas por ninguén e pasaron a ser borradas e ao esquecemento. Foi unha verdadeira historia de autodestrución. Mais tamén hai que reivindicar o valor de González Laxe, estimulado e respaldado por Ceferino Díaz, para enfrontarse á dirección madrileña do PSOE e atreverse a realizar aquela arriscada operación política de disputarlle a Xunta á dereita.

E a etapa de Pérez Touriño ao frente do PSdeG hoxe non é reivindicada no seu partido, mais foi o momento de maior madurez política desas siglas como organización, pode que o único momento no que houbo o esforzo de pensar a política desde aquí e un verdadeiro liderado político. Touriño disputou internamente o poder ao cacicado de Francisco Vázquez, con todos os seus lobbies económicos e mediáticos detrás e o respaldo do aparato do partido, e atreveuse a facer política galega.

Que partillemos máis ou menos a súa interpretación do país, e que el tíñaa mesmo argumentada nun ensaio económico, e as súas políticas é cousa aparte, interesa agora recoñecer que quixo facer e fixo política galega comprometido co país. A súa batalla polo control interno nunca puido ser completa, sempre persistiron resistencias do “aparato”, que de Guerra pasaron a estar nas mans de Pepe Blanco. Mais con Zapatero abrindo unha política de recoñecemento da pluralidade nacional e dos pactos con nacionalistas das nacionalidades, a batalla que deu dunha banda a sociedade galega, iso sabémolo algúns, e o BNG e o PSdeG contra as políticas de Fraga permitiron aquel goberno da Xunta de Touriño pactado con Anxo Quintana.

Tampouco cabe aquí facer balance da experiencia, mais foi unha realidade, existiu, e ese mero feito debe servir para que comprendamos que é posíbel botar o PP fóra da Xunta e que podémolo facer agora. Baixo as siglas do PSdeG, case sempre en colaboración con outras candidaturas progesistas, en numerosos concellos téñense feito boas políticas sociais e coa Xunta bipartita houbo importantes avances de diverso carácter que agora son máis necesarios que nunca.

E se reviso eses dous momentos do PSdeG é porque necesitamos os lembren os militantes desa organización, porque non volva caer nas épocas nas que o secretario da organización galega celebraba unha ampliación do aeroporto de Alvedro, Concello de Culleredo, coa exclamación “¡ya tenemos el aeropuerto y ahora para los demás, sarna!”. Non pode ser que novamente un secretario dunha organización que por moi madrileña que sexa pretenda servir a esta sociedade se preocupe únicamente de intereses partidistas ou particulares e nos desexe sarna ao conxunto dos galegos e galegas. Non pode ser que dirixentes ou alcaldes do PSOE na Galiza sigan a aparecer do brazo do candidato do PP nas vésperas dunha votación, como ten ocorrido e ocorre. Non pode ser que, como verbaliza ese político aragonés, lles importe máis a súa conveniencia partidaria que o destino do noso país, que as vidas de galegos e galegas que seguen a emigrar a miles porque estamos indefensos antes a dominación e espolio da corte.

Non pode ser que non acepte o resultado democrático das eleccións, se a sociedade galega decide que chegou o momento de que presida a Xunta a líder dunha candidatura progresista galega pois nese caso non cabe outra alternativa, ten que ofrecer os seus votos e pactar un goberno. So pena de desaparecer baixo a maior descalificuación política e moral.

A sociedade galega, como resultado das experiencias vividas anteriormente e das evidencias de que as políticas que chegan de Madrid son fundamentalmente lesivas para os nosos intereses, vive un lento proceso de “nacionalización”, está tomando conciencia da súa identidade e dos seus intereses, os apoios ao BNG de Pontón son o resultado das políticas centralistas ou de submisión. O camiño do PSdeG non debera ser o de ir contra esa corrente cívica, sobre esa democrática e sensata toma de conciencia colectiva, debera ser intentar sumarse a ela, debera ser “nacionalizarse” galego tamén. Intentar analisar os nosos problemas e buscar solucións sen temor a enfrentarse aos intereses do IBEX e a Corte, competir democráticamente con alternativas co BNG e non combatelo, para iso xa está o PP, non é?

Comentarios