Blogue | Malalingua

Nós decidimos como nos chamamos: A Coruña - A Toxa - Sanxenxo

Hai máis de dúas décadas comezaba un contencioso fronte ao Concello da Coruña no que A Mesa, baixo a magnífica dirección letrada do avogado Guillermo Garrido Collazo, instaba á institución que presidía Francisco Vázquez ao recoñecemento e utilización como nome oficial o de A Coruña no canto de “La Coruña*”. A polémica polo uso do topónimo deturpado dera lugar a unha fermosa campaña social titulada “A Coruña, así a queremos”, e o Tribunal Supremo puxo fin á polémica reiterando que o topónimo oficial era A Coruña nunha sentenza recaída o 25 de setembro de 2000.

Por aquela mesma época o Concello da Coruña tamén se encerellara nun preito fronte a Xunta de Galiza e a Administración Xeral do Estado porque o alcalde pretendía cambiar o nome da cidade. Na súa obsesión fixo que o litixio chegase ao Tribunal Supremo, que en data 19 de setembro de 2001 voltaba ratificar o único topónimo legal da cidade. Recentemente tivemos que aturar a deturpación nos medios de comunicación dos topónimos de dúas entidades costeiras como son Sanxenxo e A Toxa.

Ante a queixa dunha cidadá pola deturpación de A Toxa, a RTVE contestou de forma absurda indicando que se limitaba a aplicar o seu Manual de Estilo ao tempo que invocaba unha lexislación xenérica que non é aplicábel a Galiza porque a toponimia é unha competencia netamente galega, e para rematar aludía a unha base de datos (Rexistro de Entidades Locais) na que supostamente figuraba La Toja*.

A contestación da RTVE é un auténtico despropósito, dando a sensación de que as galegas e os galegos tragamos con calquera explicación. Para empezar desmontando a súa teoría, o Manual de Estilo da RTVE establece no apartado 6.5.8.9 relativo a “Nomes e topónimos”:

Un topónimo puede tener  varias expresiones en atención a la diversidad idiomática de la comunidad en que se encuentra y a la tradición. Las localidades que sólo tengan un nombre legal deben ser nombradas por él aunque no sea la forma  tradicional  por la que es conocida fuera de la comunidad a la que pertenezca. Es el caso de algunas  ciudades  (Girona, Lleida, A Coruña, etc.) que por mandato legal deben ser nombradas sólo en el idioma vernáculo. Cuando una localidad posea oficialmente más de un nombre debido al bilingüismo oficial de la comunidad en la que se encuentra, los profesionales de RTVE deberán emplear el más utilizado por su audiencia. No se debe nombrar una localidad con dos nombres en paridad de valor (Vitoria-Gasteiz fuera del País Vasco ha de citarse como Vitoria) pero se debe respetar en boca de terceros.

A Toxa e Sanxenxo teñen ese nome legal. Só ese nome. Foi publicado tanto no DOG do 28 de xullo de 1998 como no BOE número 275 de 17 de novembro de 1998 o Decreto 219/1998 de 2 de xullo polo que se aproba o noménclator correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra. No Decreto figuran literalmente os topónimos  Toxa (Illa da) e Sanxenxo, así que debería estar fóra de discusión o respeito á legalidade.

Pero é que ademais aquela sentenza do Tribunal Supremo de 19 de setembro de 2001 debullaba os motivos polos que un topónimo galego ten como única forma oficial a galega, a comezar pola sentenza do Tribunal Constitucional de 21 de decembro de 1989 que expresaba que a aprobación da alteración ou cambio de nome dos municipios é típica competencia de execución en materia de réxime local que, con arranxo ao marco constitucional de distribución de competencias, os Estatutos de Galiza e Catalunya atribúen ás súas respeitivas comunidades autónomas.

A Lei 3/1983 sobre normalización lingüística en Galiza establece no artigo 10 que os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega e engade que corresponde á Xunta de Galiza a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galiza.

O Decreto 132/1984, do 6 de setembro, polo que se establece o procedemento para a fixación ou recuperación da toponimia de Galicia (DOG do 21.09.1984) sinala no seu artigo 2.1  que lle  corresponde ao Consello da Xunta de Galicia a determinación, por medio de decreto, dos nomes oficiais dos concellos e das súas capitais, das parroquias e das comarcas.

O Decreto 219/1998 de 2 de xullo polo que se aproba o noménclator correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra fixa o nome de Sanxenxo, A Toxa,...

E os respeitivos decretos fixan as formas legais dos topónimos das demais provincias:  Decreto 332/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Ourense (DOG do 29.08.1996; BOE do 18.11.1998), Decreto 6/2000, do 7 de xaneiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Lugo (DOG do 25.01.2000; BOE do 24.02.2000), Decreto 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente á entidades de poboación da provincia da Coruña (DOG do 25.03.2003; BOE do 6.11.2003).

O Rexistro de Entidades Locais, en canto rexistro público, non ten faculdades decisorias en materia toponímica, posto que as súas funcións se limitan á inscrición rexistral dos entes locais, e sendo o obxecto da inscrición a denominación dos entes, esta non pode ser outra que a que lle outorgou o órgano competente, é dicir, a Xunta de Galiza.

Daquela, os nosos topónimos non veñen definidos legalmente nin por un Manual de Estilo de RTVE, nin polo Rexistro de Entidades Locais, nin pola RAE senón polo órgano que ten atribuída a competencia, que á súa vez ten como órgano asesor a Comisión de Toponimia.

A RAE empéñase en disociar legalidade e o uso popular da toponimia galega, e así afirma que mentres en documentos oficiais hai que referirse a Sanxenxo, o indicado é empregar a forma deturpada. As institucións públicas deberían evitar polemizar e significarse pola defensa da legalidade e polo respeito da diversidade lingüística e cultural.

Como se pode comprobar, a toponimia é materia pendente para institucións públicas pero tamén para empresas como Google, que insiste en perpetuar unha deturpación inaceptábel dos nosos topónimos.

Por iso convén mantérmonos firmes na defensa da legalidade para facer respeitar os nosos topónimos: nós decidimos como nos chamamos e así nos queremos.

Comentarios