Blogue | Malalingua

Máis un mito do español

O Día da Patria sempre é un día de reencontros, de conversas e de reflexións. Intercambiaba impresións cun pai sobre o galego na vida das nosas crianzas cando me explicou que a súa ensaiaba a xogar en español baixo o argumento de que “é unha lingua moi potente”.

Tócame advertir que o español non é unha lingua con potencia senón unha lingua de poder. Non é a súa sonoridade nin a súa morfoloxía o que provoca que as nosas crianzas pasen ao español, senón a súa omnipresenza en todos os eidos e a precoz detección de que é a lingua de prestixio.

Eses son mitos reproducidos polos medios de comunicación estatais para defender veladamente a imposición do español e xustificar unha brutal política lingüística imperialista ao abeiro das suculentas subvencións dirixidas á súa expansión.

O predominio dunha lingua non se debe a razóns lingüísticas, senón políticas, económicas, demográficas, militares, etc.

A crianza percibe na escola e no parque infantil que unha grande parte de crianzas se expresan noutra lingua que non é a súa.

Aínda que hai excepcións e non convén xeneralizar, a crianza observará que en moitos outros ámbitos como a televisión, o centro de saúde e na tenda predomina o uso do español.

É normal que esa crianza ensaie o español porque tamén ela quere falar nese código que a rodea, ten capacidade abondo para aprendelo e entenderse cos seus iguais.

Pero iso non depende das características intrínsecas do español, senón dunha constante e deliberada represión institucional exercida durante séculos que sementou prexuízos sobre a lingua galega que sobreviven até hoxe condicionando a liberdade lingüística das galegofalantes. Falemos de imposición, non falemos de sedución.

A sociolingüística demostra que non estamos ante unha lingua “de potencia”, senón ante unha lingua de poder, de dominio, de violencia física e psíquica. De doma e castración dun reino que alcanzou tamén a lingua dos seus habitantes.

A nena ensaia o español porque a súa natural curiosidade e aptitude a conduce a adaptarse ao medio no que se desenvolve, non porque o español lle resulte máis atraínte que a lingua de seus pais, nin porque as características do español sexan mellores nin peores. Somos produto do noso entorno.

Construamos un discurso libre de tópicos propios da ideoloxía española, que disfraza a súa imposición en Galiza con acientíficas virtudes do español.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios