sábado 16/01/21

Rosal vs Rosal

Analizamos os viños Landra e Vimbio
Botellas dos viños analizados (Foto: Vide, Vide!).
Botellas dos viños analizados (Foto: Vide, Vide!).

Que máis queres, branco e en... barrica

Rematada unha botella nun xantar, abrir outra distinta é unha boa idea. Igual que nos pratos, nos viños tamén iremos de menos a máis en estrutura. Se queremos, claro. Un branco con crianza de seis meses en barrica xa non é tan lixeiro, xa ten corpo á altura de mollos intensos, peixes graxos ou carnes brancas.

Landra leva uvas de albariño e caíño branco que miran a Portugal desde Goián, en Tomiño, sobre solos de orixe fluvial no tramo final do val do río Miño. É o froito desa terra e desas uvas, tamén da madeira de carballo onde cría coma as landras.

Landra 2017 / O Rosal fóra de D.O. / Adega do Vimbio / 16,50 euros

A autenticidade dos brancos do Rosal

Achegámonos á fin do verán visitando o noso sur vitícola, O Rosal. As varas de vimbio que se utilizan tradicionalmente para atar as vides ás guías dan nome a este proxecto do biólogo Martín Crusat e a licenciada en medioambiente Patricia Elola. Compromiso de traballo sostíbel da terra por todas partes.

Vimbio é o desacomplexamento dos brancos do Rosal, que non busca imitar referencias comerciais, senón lembrar os viños de sempre da zona. Plurivarietal con albariño, caíño branco e loureira; e con notas cítricas, florais e balsámicas. Súper rico.

Vimbio 2018 / O Rosal fóra de D.O. / Adega do Vimbio / 11,50 euros

comentarios