Xurxo Álvarez segue á fronte da Fruga, que defende "un rural con futuro"

A Fruga vai combater polo seu recoñecimento por parte das administracións, e nomeadamente a Xunta, como organización representativa do sector agro-gandeiro, afirmou no acto de clausura da súa II Asemblea Nacional Xurxo Álvarez, reeleito presidente.

A Fruga vai pelexar por estar nas "diferentes mesas de negociación" en todos aqueles asuntos que a atinxen como organización representantiva do mundo agrario galego, enfatizou Xurxo Álvarez.

"Fruga ten que entrar a formar parte dos órgaos que representan os sectores agrario, gandeiro e forestal. Non podemos estar fóra das mesas de debate nen de negociación. E se non, facemos como na mesa do viño, cando non nos deixaban entrar, sempre había un amigo que non nos chamaba, íamos alí igual, e ao insistir e ir varias veces, ao final acabaron convocándonos", dixo na súa intervención o presidente da Fruga, como mostra da vontade do sindicato nacionalista de non ser marxinado.

Álvarez alicerzou o seu discurso sobre a idea de que o futuro de Galiza é "rural". desde a consideración de que un país que "non é capaz de alimentar a poboación" está "empobrecido", ademais de ser "dependente". Por iso, en declaracións a Europa Press, e no mesmo sentido, o coordenador xeral da Fruga, Manuel Dacal, fixo fincapé no lema que presidiu a asemblea, 'O futuro de Galiza é rural', e enfatizou que no rural se "producen os aliementos que comen os galegos e galegas todos os días".

"Fruga ten que entrar a formar parte dos órgaos que representan os sectores agrario, gandeiro e forestal", dixo Xurxo Álvarez

"Non se entende un país como Galiza se non potencia o seu rural", sentenciou Dacal após participar na II Asemblea Nacional da Fruga, que tivo lugar no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo. Na devandita Asemblea produciuse o nomeamento da xunta directiva. Así, a única candidatura que se presentou -encabezada polo actual presidente, Xurxo Álvárez- foi ratificada este domingo. 

Temas a debate

A despoboación do rural, o desaparecimento das cotas lácteas a partir do 1 de abril e a Política Agraria Común (PAC) foron os temas sobre os que pivotou o debate nesta asemblea nacional.

A respeito da liberalización total do sector lácteo, Manuel Dacal advirte do risco de que o incremento nos excedentes provoque unha maior queda dos prezos, o cal é especialmente preocupante na Galiza, país que, embora ser o maior produtor do Estado, é aquel no que se paga menos aos gadeiros pola materia prima.

A alternativa a esta situación debería pasar, a xuízo da Fruga, polo estabelecimento dalgún tipo de control da produción que "estea ligado a un prezo" que permita a obtención dunha renda digna para os gadeiros.

Dacal denuncia a pasividade da Xunta nesta materia e demanda que o goberno galego "se involucre" na posta en andamento dunha "interprofesional láctea galega", con presenza de todos os actores envolvidos no sector visando que se "garantan" os prezos.

A Asemblea Nacional da Fruga tamén se debruzou sobre a situación dos montes en mao común -alertando sobre a súa eventual privatización-, ao tempo que mostrou a súa rotunda oposición ao tratado de libre comercio que negocian os EUA e a Unión Europea.

A respeito do sector do viño, a Fruga ligou o seu futuro ao "respeito ás normas de que nos temos dotado no seo dos consellos reguladores".

Foto capa: Xurxo Álvarez, reeleito presidente da Fruga

Foto interior 1: Asistentes á asemblea nacional.

Foto interior 2: A nova xunta directiva da Fruga.

As fotos son da autoría de Víctor Otero.

Comentarios