Persoal de DomusVi en Monforte mobilízase contra a falta de medios: "Estase a incumprir a normativa"

Protesta nun xeriátrico da Consellaría de Política Social en mans privadas.
4cadbdd4-bd65-4969-a293-66a049def54d
photo_camera Persoal da residencia DomusVi de Monforte de Lemos mobilizouse contra a "sobrecarga" e a falta de persoal.

A residencia de maiores que a empresa DomusVi xestiona en Monforte, na comarca de Terra de Lemos, é propiedade da Xunta da Galiza. Súas son as 180 prazas residencias deste centro que xestiona DomusVi. Das máis de 22.000 prazas en xeriátricos dispoñíbeis na Galiza, só 3.900 son públicas, e non todas están xestionadas polo Goberno galego: unha cuarta parte delas opéraas a citada empresa.

En Monforte esta segunda feira o persoal desta residencia mobilizouse para denunciar unha situación que afirman, "leva tempo enquistándose": A falta de persoal e de medios está a pasar factura ás persoas usuarias deste centro. Unha residencia na que en 2022 se detectou un foco de sarna após o falecemento en xullo daquel ano dunha residente afectada precisamente de sarna.

A situación, afirma o persoal, é preocupante. Na orixe, reiteran, a problemática "de sempre": a falta de persoal suficiente. CCOO, maioritaria no comité, denunciou que a falta de traballadores e de traballadoras agravouse por varios despedimentos coa escusa de "baixo rendemento". Non se cobren baixas ou permisos. As consecuencias, apunta, é que a residencia está sen médico, sen terapeuta ocupacional e con menos persoal de enfermaría do necesario.

"Estase a incumprir a normativa, que esixe a presenza de persoal de enfermaría as 24 horas naqueles centros con máis de 40 prazas asistidas”, sinala a Nós Diario Iria Estévez, responsábel de residencias do sindicato. "Hai preocupación entre os familiares por esta situación, porque eles si que detectan que se non hai persoal abondo os coidados van ser deficientes".

Transi Fernández, secretaria nacional da CIG-Servizos, afirma a este medio que o incumprimento de ratios non é algo "exclusivo" dunha residencia senón unha práctica "xeneralizada" e que se fai "coa connivencia" da Xunta. Para Fernández, a Consellaría de Política Social "pasa de intervir" e opta por "mirar cara a  outro lado". A esta vulneración de ratios, as centrais suman a obriga a un cambio de funcións das traballadoras, o que supón "un risco" tanto para as persoas usuarias como para as profesionais. 

No caso de Monforte de Lemos, ponse de exemplo as residentes con gran dependencia, que precisan ser atendidas por dúas xerocultoras para erguelas e asealas, labor que agora debe realizar unha soa traballadora.

"Falta roupa de cama e hai recortes en alimentación"

O persoal da residencia de DomusVi de Monforte de Lemos ao longo deste tempo no xeriátrico de Monforte de Lemos tamén se refiren a carencias básicas. “Falta de roupa de cama, colchóns en mal estado, así como recortes en hidratación ou alimentación”, apuntan desde Comisións Obreiras. Estévez incide en que estas problemáticas nese centro denúncianse sen éxito ante a Consellaría de Política Social. "Levamos unha ou dúas denuncias cada mes e seguimos sen solucións nin respostas. Quizais á empresa lle compense pagar a multa e non contratar máis persoal".

Tamén se denuncia o que pasa coa administración da medicación, que non entra nas funcións do colectivo de xerocultoras a non ser que estea supervisado polo persoal de enfermaría, "e non é o caso", lamenta.

Comentarios