Santiago Paz, presidente do Comité de empresa de Ferroatlántica

“Villar-Mir está a intentar enganar a xente"

Esta sexta feira comeza a nova rolda de concentracións convocada polo comité de empresa de Ferroatlántica na defensa da factoría e contra os plans de venda do grupo. Santiago Paz, presidente do comité, considera que os últimos proxectos anunciados polo grupo son “unha tomadura de pelo”

Ferroatlántica  fechamento CEE

Esta sexta feira os traballadores de Ferroatlántica retoman as mobilizacións cunha concentración ás 18:30 horas perante a Factoría de Brens. Volven á carga coas baterías cargadas, como recoñece o presidente do comité, Santiago Paz, após unha marcha a pé da fábriza a Ézaro “na que participaron máis de 600 persoas”. O apoio da comarca é chave, reitera, para evitar que Villar Mir poda materializar as súas pretensións de vender as centrais hidroeléctricas que posúe nos ríos Xallas e Grande.

“Suspendemos temporalmente as protestas para dar un voto de confianza á Xunta. O presidente e o conselleiro deixaron claro a súa oposición á segregación de factoría e das centrais, o que impediría a súa venda”, explica Paz. Mais as mobilizacións retomárionse. “Non se poden deixar porque a ameaza de venda está aí”, explica Paz.

“Tan pronto como a empresa dea o paso, convocaremos unha greve”. Unha opción que no comité teñen claro e xa expuxeron en asemblea hai dúas semanas. “No 92, cando Villar-Mir xa tentara esta mesma xogada de agora, convocaramos unha greve e foramos manifestarnos a Santaigo. Estamos dispostos a volver facelo”.

Os recentes anuncios do grupo de instalar en Galiza unha factoría de carbón vexetal súmao Santiago Paz a anuncios anteriores como a fábrica de silico solar. “Creo que todo é fume, son tomaduras de pelo, que non hai nada serio aí. Mais non temos nada en contra sempre que non sexa a cambio da venda das centrais, estas non poden ser moeda de cambio”, di, “que non tenten confundir a opinión pública”, pide.

O presidente do comité lamenta que desde o 28 de outubro, “día da primeira e última reunión coa dirección en Madrid, cando nos dixeron que querían vender”, non tiveron ningunha nova oficial máis. “O que sabemos é polos xornais e os ruxes-ruxes”.

De se vender as centrais, “a Costa da Morte vai pasalo mal”, augura, pois Ferroatlántica “é a única industria que ten, non hai máis, as outras hai tempo que fecharon ou marcharon”. Son 400 postos de traballo directos, para alén dos indirectos. E iso nunha comarca onde sectores tradicionalmente con peso, como a pesca ou agro, non atravesan os seus mellores anos. 

Comentarios