Xustiza

Sentenza pioneira do TSXG: os traballadores homes terán permisos retribuídos para as clases de preparación ao parto

"A propia redacción das normas non exclúe os traballadores pais e demais persoas non xestantes, pois, mentres que obviamente estes non poden ser sometidos a permisos prenatais, si poden asistir ás técnicas de preparación ao parto", subliña o alto tribunal galego.
Clases de preparación ao parto. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Clases de preparación ao parto. (Foto: Nós Diario)

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de confirmar, por primeira vez e perante un pioneiro veredicto, o dereito dos traballadores homes a gozaren de permisos retribuídos para asistiren a clases técnicas de preparación ao parto. Nun auto con data do pasado 7 de novembro, o alto tribunal galego avalou unha sentenza emitida previamente polo Xulgado do Social número 4 de Vigo, que daba a razón a un demandante deste dereito, representante legal do persoal dunha empresa.

A decisión de primeira instancia, con todo, non recoñece aos homes o permiso para acudiren a exames prenatais, cuestión tamén solicitada polo demandante. E agora o TSXG coincide co "acertado criterio da xulgadora de instancia" en non estender este permiso aos traballadores homes e demais persoas proxenitoras que non son xestantes.

Por tanto, desestimou o recurso interposto polo representante legal do persoal da empresa contra a sentenza do Xulgado do Social número 4 de Vigo, no que demandaba que tamén se lle recoñecese o permiso para os citados exames prenatais.

A Sala do Social do TSXG indica na súa resolución que está de acordo coa argumentación da xuíza de primeira instancia, quen considera que ambos os permisos son, na súa orixe, exclusivamente femininos, pero destaca que "a evolución normativa, xurisprudencial e doutrinal acaecida desde entón" faina chegar á conclusión de que o permiso para técnicas de preparación ao parto "debe ser estendido aos traballadores homes", pois en caso contrario "sería discriminatorio por razón de sexo".

Os maxistrados do alto tribunal galego avalan a diferenza entre un permiso e outro, subliñando que o permiso para exames prenatais "é un dereito de maternidade" que se pode recoñecer "só ás mulleres embarazadas". E no relativo ao permiso para asistir a técnicas de preparación ao parto, afirman pola contra que non atopan habilitación para o seu carácter sexuado na Directiva 92/85 da Comunidade Europea, polo que conclúen é "un dereito de conciliación que, como tal, non pode ter carácter sexuado".

A Sala do Social engade na sentenza, a respecto dos permisos para técnicas de preparación ao parto, que "a propia redacción das normas non exclúe os traballadores pais e demais persoas non xestantes, pois, mentres que obviamente estes non poden ser sometidos a permisos prenatais, si poden asistir ás técnicas de preparación ao parto". E, desde a perspectiva do bo fin do proceso de maternidade/xestación, iso "adoita ser unha saudábel recomendación".

A resolución, porén, non é firme, pois contra ela cabe aínda presentar recurso perante o Tribunal Supremo, tanto no que atinxe ao recoñecemento do permiso para as clases de preparación ao parto como, na liña oposta, na negativa a estender aos homes a autorización para exames prenatais.

Comentarios