Xustiza

O TSXG recoñece o dereito dun mariñeiro xubilado a percibir o complemento da fenda de xénero

A Sala considera acreditado que o home viu interrompida a súa carreira profesional polo nacemento dos seus fillos.
Sede do TSXG, na Coruña. (Foto: Xoán Roberes)
photo_camera Sede do TSXG, na Coruña. (Foto: Xoán Roberes)

A Sala do social do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de recoñecer, nunha sentenza pioneira na Galiza que se coñeceu esta quinta feira, o dereito dun mariñeiro xubilado a percibir na súa pensión o complemento para a redución da fenda de xénero. En concreto, serán 27 euros ao mes por cada un dos seus dous fillos.

No seu veredicto, o alto tribunal galego aplicou o novo artigo 60 da Lei Xeral da Seguridade Social, pois a Sala considera acreditado que o demandante, un mariñeiro embarcado en barcos de bandeira de conveniencia, viu interrompida a súa carreira profesional e afectada posteriormente debido ao nacemento dos seus fillos.

O alto tribunal galego explica que, segundo esta lei, no suposto de fillos nados até o 31 de decembro de 1994, para recibir o complemento débese "ter máis de 120 días sen cotización entre os nove meses anteriores ao nacemento e os tres anos posteriores á devandita data".

Neste caso, segundo a resolución, o demandante non ten ningún día cotizado entre os nove meses anteriores e os tres anos posteriores ás datas de nacemento dos seus fillos, o que supón que ten dereito ao complemento para a redución da fenda de xénero, pois non consta que o perciba a outra proxenitora.

Este caso procede dun xulgado do social de Vigo, que rexeitou en primeira instancia esta demanda contra o Instituto Social da Mariña (ISM), o cal agora se revoga por parte do Tribunal Superior.

De tal forma, o ISM deberá abonar este complemento con efectos desde setembro de 2021, data na que se recoñeceu a prestación de xubilación ao mariñeiro. A sentenza non é firme, polo que contra ela cabe presentar recurso de casación perante o Tribunal Supremo.

Comentarios