Trece programas da Deputación da Coruña crearán até 1.550 empregos

Estas liñas de axudas á contratación alcanzan un orzamento total de 18,6 millóns de euros.
Valentín González Formoso e Xosé Regueira, en rolda de prensa.
photo_camera Valentín González Formoso e Xosé Regueira, en rolda de prensa.

A Deputación da Coruña publicou esta cuarta feira no Boletín Oficial da Provincia a convocatoria de doce dos trece programas cos que o Goberno provincial contribúe á creación de emprego nos concellos e á mellora dos servizos públicos municipais. A lista completarase nas próximas semanas coa convocatoria do PEL-Concellos 2024.

O presidente da institución, Valentín González Formoso, e o vicepresidente, Xosé Regueira, compareceron en rolda de prensa para presentar estes programas, que suman un orzamento de 18,6 millóns de euros e "financian directamente a contratación de 1.550 persoas", salientaron os dirixentes da institución.

"Os concellos poden contratar, a partir do 1 de xaneiro, profesionais especialistas en distintos sectores, coma técnicos de cultura, de deportes, de turismo, persoal de axuda no fogar para persoas maiores, persoal especializado en servizos sociais, axentes de igualdade de xénero, socorristas de piscinas municipais ou equipos de limpeza de praias, entre outros moitos", dixo.

Pola súa parte, Regueira salientou que, a maiores destas liñas de axudas, o Plan Único da Deputación permitirá tamén "financiar servizos de competencia municipal, polo que os concellos costean tamén parte dos seus cadros de persoal con fondos deste plan".

Comentarios