Os traballadores de Navantia rexeitan a proposta de prórroga de convenio colectivo e o plan estratéxico

Non descartan emprender mobilizacións.
Estaleiros de Navantia en Ferrol. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Os estaleiros de Navantia en Ferrol. (Foto: Nós Diario)

Os traballadores de Navantia rexeitaron o plan estratéxico e a proposta de convenio colectivo tras o referendo realizado en todos os seus centros estes últimos días, e trasladaron á empresa que deben producirse cambios "significativos" no plan e o convenio, segundo informou esta sexta feira a sección sindical intercentros de CCOO de Industria.

Nesta liña, o persoal de Navantia subliñou que nas próximas semanas farán "unha reflexión sobre as medidas e actuacións que agora toca activar para tentar cambiar esta situación", á vez que destacou que quen debe facer unha reflexión é a dirección da compañía, que "é a que se atopou co rexeitamento rotundo á formulación da empresa".

A sección sindical intercentros de CCOO de Industria recoñeceu que se trata dun "momento de reflexión serena" e de "non precipitarse", xa que o contexto está marcado por "acontecementos importantes como as eleccións xerais".

Os traballadores de Navantia explicaron que non descartan acudir á mobilización se non se chega a un acordo, xa que cren, "sen dúbida, que o emprego, as cargas de traballo, a subcontratación, o desenvolvemento profesional das persoas nos centros e o futuro da empresa deben facer que xuntos poidan atopar a senda da negociación".

Nesta liña, a sección sindical intercentros de CCOO de Industria explicaron que neste momento "non poden descartar ningún escenario, incluído o dunha proposta de mobilización para poñer de manifesto o malestar do persoal".

Comentarios