A taxa de actividade da xuventude galega é a máis baixa do Estado español

A xuventude galega paga as consecuencias da falta dun modelo industrial no país que garanta emprego de calidade. Na actualidade, tres de cada catro mozos e mozas da Galiza que traballan, fano no sector servizos, con contratos precarios e unha alta temporalidade. Só 56,1% do total están en activo.
A precariedade laboral golpea na xente nova (Foto: Jorge Peteiro / Europa Press).
photo_camera A precariedade laboral golpea na xente nova (Foto: Jorge Peteiro / Europa Press).

Hoxe, 12 de agosto, conmemórase o Día da Xuventude. Mais a mocidade galega ten pouco que celebrar, sobre todo en materia de emprego, pois Galiza presenta os peores datos de actividade do Estado español.

Segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do segundo trimestre de 2021, na Galiza hai 454.700 mozas e mozos de entre 16 e 30 anos, que representan 19,4% do total de idades, unha porcentaxe que foi descendendo ano tras ano. Pero o feito de ser menos, lonxe do que poida parecer, non lles garante máis oportunidades de emprego.

Neste grupo de idade só 255.000 mozos e mozas están en activo, 56,1% do total, a menor taxa de todo o Estado español e máis de sete puntos por baixo da media (63,7%). A taxa de paro xuvenil sitúase na Galiza no 22%, e canto máis se baixa na idade, máis elevada é. Na franxa de 16 a 19 anos acada o 41,2%.

Como sinala a Nós Diario a responsábel de Emprego de CCOO, Maica Bouza, a taxa de actividade da xente nova estivo historicamente catro ou cinco puntos por baixo da media española. O principal problema é que a mocidade galega "non atopa un emprego, e cando o fai, está abocado á precariedade", lamenta.

A realidade é que 49,6% das mozas e mozos galegos que traballan na actualidade fano cun contrato temporal, que nun de cada cinco casos é, ademais, a tempo parcial.

A crise de 2008 e a actual, derivada da crise da Covid-19, fixo que moitas persoas non atopasen traballo e quedasen "colgadas", como apunta Bouza. O sector servizos emprega 72,6% das galegas e galegos menores de 30 anos cun contrato laboral. "Moitas destas persoas non chegaron a ter un traballo estábel, xa que o actual modelo produtivo está centrado no sector servizos, e caracterizado pola precariedade, salarios baixos e condicións laborais indignas. Temos que apostar nun tecido produtivo de máis valor engadido. Levamos anos reclamando subir a ese tren e probabelmente agora, cos fondos Next Generation, sexa a nosa última estación", advirte a representante sindical de CCOO.

Aposta na formación

A secretaria de Política Sindical de UXT Galiza, Mar Martín, coincide con Bouza na necesidade de "repescar" toda esa xente que quedou colgada e non rematou a ensinanza obrigatoria. 

Neste senso, aposta por unha orientación laboral "á carta", adecuando as posibilidades de cada persoa coa súa formación ou coa que poden aspirar. "De nada serve ter unha persoa preparada e enviala facer un curso de xardinería. Os cartos están empregados, os cursos se fan, mais non están orientados ao perfil de cada persoa", denuncia. De aí que propoña aumentar os recursos do Servicio de Emprego Público Estatal (SEPE) "para que isto se poida facer ben".  

Outro dos aspectos nos que coincide é na necesidade de contar cun tecido industrial forte. "Sen un tecido industrial non hai oportunidades para o conxunto da poboación activa, e moito menos para a xente nova", advirte Martín. 

Nesta liña, propón unha "cadea comprometida" entre a Xunta, as empresas e as persoas demandantes de emprego, xa que "se as empresas non reactivan e a Xunta non apoia, non haberá emprego nin para os de 30 nin para os de 45, e moito menos para os de 25. Por iso é necesaria unha boa implicación coas empresas, para que poidan demandar perfís que os servizos públicos de emprego poidan satisfacer".

Con todo, cre que a solución á actual situación laboral da xuventude na Galiza "pasa por derogar a reforma laboral e subir o SMI", pero aclara UXT está a insistir tamén nos últimos tempos na orientación laboral.

Pola súa banda, o secretario confederal de Emprego da CIG, Fran Cartelle, incide no feito de que a actual realidade do mercado laboral na Galiza está a provocar que moita xente ben formada teña que emigrar para buscar un emprego digno. 

Cartelle tamén propón mudar o sistema de traballo, "e iso pasa por ter realmente un plan industrial para Galiza que xere emprego de calidade e digno e un programa de emprego público para que a xente non teña que aceptar traballos temporais e precarios". 

Un dos pasos para conseguilo sería a derogación das reformas laborais do PP e PSOE que, como critica, "só aumentaron a precarización".

Tamén ve fundamental a confección dun plan industrial "para que se asenten empresas no país e os beneficios revertan na Galiza, e non como agora, que acolle empresas que veñen a facer negocio e cando lles interesa deslocalizan ou desaparecen porque realmente non hai un deseño de país", lamenta.

Comentarios