Soling comunícalle ao persoal un ERE a través de 'WhatsApp': "É unha broma absoluta sen sentido"

A CIG denuncia a comunicación realizada pola empresa auxiliar do naval.
Protesta do persoal de Soling o pasado 12 de febreiro (Foto: Nós Diario).
photo_camera Protesta do persoal de Soling o pasado 12 de febreiro (Foto: Nós Diario).

A nova dirección da auxiliar do naval Soling Instalacións comunicou ao seu persoal un expediente de regulación de emprego (ERE) por Whatsapp, despois de que os empregados e as empregadas da compañía estivesen 15 días na casa cun permiso retribuído.

Tal como informaron fontes sindicais, o novo propietario enviou para a casa a principios de febreiro a totalidade do cadro de persoal, formado por 77 traballadoras e traballadores, cun permiso retribuído, nun momento no que non ofreceu explicacións sobre a futura actividade. O obxectivo, dixera, era dar tempo á dirección para organizar a empresa.

A mensaxe

Este permiso terminaba esta semana, polo que o domingo á tarde, os tres delegados sindicais da empresa, da CIG, recibiron unha mensaxe na que se lles informaba da intención de comezar un ERE extintivo e que, para máis información, chamasen a un número de teléfono dun despacho de avogados.

En concreto, a notificación indicaba que debido á situación actual da empresa, a dirección viuse obrigada a iniciar os trámites dun ERE. "Lamentamos profundamente as molestias que esta situación poida ocasionarlles e agradecemos a súa comprensión e colaboración durante este proceso", engadía, asegurando que o obxectivo era reestruturar a empresa e "minimizar na medida do posíbel o impacto" dos despedimentos.

Petición de negociación

"É unha broma absoluta sen sentido", advertiu o secretario comarcal de Industria da CIG, Xulio Fernández. Ademais, o representante do sindicato solicitou á compañía que, se quere iniciar un ERE, o faga a través dos trámites que exixe a lexislación vixente, sentándose a negociar coas delegadas e delegados do persoal.

Comentarios