Sindicatos valoran os datos do paro na Galiza, mais advirten dun aumento da "desigualdade" e da "precariedade"

"Cada vez os traballadores indefinidos a tempo completo son unha excepción e non a regra", sinala a CIG.
A CIG cre que os datos do desemprego agochan unha faciana menos positiva (Foto: Europa Press).
photo_camera O sector servizos lidera a caída do paro. (Foto: Europa Press)

Diferentes sindicatos valoraron esta sexta feira os datos de paro e de afiliados á Seguridade Social na Galiza, dos que salientaron o aumento da "desigualdade" entre mulleres e homes e da "precariedade" do mercado laboral. En concreto, Comisións Obreiras subliñou a baixada do desemprego no país, que diminuíu máis que no conxunto do Estado español, aínda que puntualizou que a afiliación medrou por baixo da media.

Para o sindicato, son datos "positivos", aínda que a caída do paro foi menor entre as mulleres que os homes, "o que agrava a situación de desigualdade no mercado laboral". A pesar diso, engadiu que a reforma laboral, ao seu xuízo, "segue influíndo positivamente na calidade do emprego", xa que máis de 30% dos contratos rexistrados en maio foron indefinidos —incluíndo os fixos descontinuos—.

UXT tamén volveu pór en valor a reforma laboral porque "mellora a calidade de vida das persoas". Para esta organización, os datos de desemprego do mes de maio "seguen reflectindo a excelente incidencia do acordo laboral e as medidas de expansión de dereitos sociais acordadas durante os últimos anos". O sindicato subliñou que os datos de contratación "confirman o punto de inflexión" que supuxo a reforma laboral na calidade de vida das persoas, xa que o número de contratos indefinidos elevouse en maio en 20.979, supondo 33% do total de contratos rexistrados.

"É indubidábel o impacto positivo que está a ter a reforma laboral para as relacións laborais do noso país, introducindo os incentivos necesarios para acabar coa fraudulenta temporalidade que implicada a concatenación de contratos de moi curta duración e reducindo a inestabilidade laboral que sufrían miles de persoas", engadiu o sindicato.

Pola súa parte, a CIG tachou de "positivos" os datos do paro, aínda que lamentou que se está creando emprego "precario e case na mesma situación que antes da reforma laboral". "Cada vez os traballadores indefinidos a tempo completo son unha excepción e non a regra", criticou o secretario confederal de emprego do sindicato, Francisco González Sío.

Neste sentido, González Sío, apuntou que "hai un cambio de tendencia na contratación, que agora xa non é conxuntural, senón estrutural" porque os datos confirman que o que se incrementa son os contratos fixos descontinuos, que subiron 6% na afiliación á Seguridade Social, e os temporais aumentaron 3%.

A Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA), aliás, destacou que o comezo da temporada alta no sector turístico supuxo un "importante empuxe" para este tipo de traballadores, cuns 300 máis afiliados na Galiza.

Tamén a Xunta valorou os datos de paro, reivindicando que o número de desempregados caeu en maio ás súa menor cifra de toda a serie histórica, desde hai 27 anos, situándose por primeira vez por baixo das 139.000 persoas. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, subliñou que é unha cifra "récord" e apuntou que o desemprego baixou e as cotizacións aumentaron tanto na súa evolución anual como mensual.

Comentarios