O sector servizos lidera a caída do paro na Galiza

No mes de maio rexistráronse 4.909 persoas desempregadas menos que en abril.
Compostela é das cidades que máis turistas recibirá (Foto: Arxina)
photo_camera #camareiro #hostalaría #servizos #turismo #bar #cafetaría (Foto: Arxina)

O número de parados e paradas rexistradas nas oficinas galegas dos servizos públicos de emprego baixou en 4.909 persoas no mes de maio en comparanza co mes anterior (-3,52%). Un descenso impulsado, especialmente, polo sector servizos, que concentrou máis de 75% da caída do desemprego, segundo os datos publicados esta sexta feira polo Ministerio de Traballo e Economía Social.

 A caída é superior á rexistrada a nivel estatal, xa que no conxunto do Estado español o paro diminuíu por volta de 1,8%, con 49.260 desempregados menos, tamén grazas aos servizos. Con esta cifra, Galiza fica como o terceiro territorio onde máis caeu o paro en cifras absolutas, só por detrás de Andalucía (-6.521) e de Castela-A Mancha (-6.138).

Na actualidade, o país contabiliza 134.434 desempregados, o que representa 8% menos que en maio de 2022, con 11.686 persoas que xa non están anotadas nas listas de procura de emprego. Por circunscricións, en maio o paro baixou na Coruña en 1.966 persoas, 3,51% menos, até 54.119 persoas, mentres que en Lugo este descenso foi de 2,97% (-385 persoas), até 12.570 persoas desempregadas. Aliás, en Ourense 644 persoas saíron da lista do paro, 4% menos, até 15.475, así como en Pontevedra, onde 1.914 persoas deixaron de estar rexistradas, 3,53% menos, até as 52.270 persoas.

Das máis de 4.900 persoas que saíron das listas do paro na Galiza, 110 correspondían á agricultura; 506, á industria; 382, á construción; 3.712, ao sector servizos, e 199, non tiñan un emprego anterior. A pesar diso, 70,7% dos desempregados galegos pertencen ao sector servizos. Entre outros datos, do total de parados galegos, case 59% eran mulleres. E 3,82% tiñan menos de 25 anos.

Datos estatais

A nivel estatal, o número de parados rexistrados baixou en 49.260 persoas en maio en relación ao mes anterior (-1,8%) tamén impulsado polo sector servizos, que concentrou 70% da caída do desemprego. Deste modo, ao finalizar maio, o número total de parados situouse en 2.739.110 persoas, o seu menor nivel neste mes desde 2008, sempre segundo datos do Ministerio.

O departamento que dirixe Yolanda Díaz destacou que o descenso de maio é "moi positivo" e que se enmarca nun contexto de "contratación de calidade e en máximos históricos tanto de afiliación como de poboación activa". A baixada do paro en maio deste ano, a terceira consecutiva tras as de marzo e abril, é inferior ás caídas experimentadas nos maios de 2022 e 2021, cando o desemprego baixara en 99.512 e 129.378 persoas.

Con todo, o retroceso deste ano foi superior ao rexistrado en maio de 2020, cando a pandemia provocou unha repunta do paro de 26.573 desempregados. Excluíndo 2020, a diminución do paro en maio deste ano é a menos avultada desde 2012, cando o desemprego minguara en algo máis de 30.000 persoas.

Desde o inicio da serie histórica comparábel, en 1996, o paro baixou en maio en 26 ocasións e subiu en dúas: en 2008, pola crise financeira, cando repuntó en 15.000 persoas, e en 2020, pola Covid-19, cando subira en 26.573 desempregados.

En termos desestacionalizados, o paro rexistrado subiu no quinto mes de 2023 en 11.963 persoas. No último ano o desemprego acumula un descenso de 183.881 parados, o que supón 6,3% menos, cun retroceso do paro feminino de 85.955 mulleres (-4,9%) e unha caída do desemprego masculino de 97.926 homes (-8,3%).

Comentarios