O Sindicato Labrego Galego reelixe Isabel Vilalba como líder até 2024

O SLG vén de clausurar o seu décimo congreso en Vilalba, unha cita na que reafirmou o seu compromiso coa agroecoloxía, a soberanía alimentaria e os bens comúns.
Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG.
photo_camera Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG.

Baixo o lema "Máis labregas, mellores alimentos. A vida das persoas e do planeta no centro" decorreu en Vilalba o X Congreso do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas. Unha cita na que os ecos da pandemia volveron recalcar a importancia de garantir unha produción de alimentos de proximidade, baseados nun modelo respectuoso co medio ambiente e as persoas.

Só esta experiencia pode garantir un medio rural vivo, na consecución da soberanía alimentaria dos pobos e a agroecoloxía.

A denuncia da "paulatina globalización do sistema agroalimentario" centrou parte do discurso. "Está a secuestrar o control da poboación e dos Gobernos sobre unha cuestión básica para a nosa supervivencia como é a alimentación, outorgándolles ás grandes multinacionais da distribución e da industria alimentaria unha posición de dominio absoluto na cadea de valor".

A canda os perxuízos para a saúde vinculados á imposición do modelo agroindustrial, o SLG remarcou "un fortísimo ataque de acaparamento de terras no medio rural". 
Co pretexto de avanzar cara a produción de enerxías renovábeis, "que cada vez distan máis de poderen ser consideradas limpas", destacou o avance da invasión eólica de montes e terras agrarias, a proliferación proxectos mineiros que fai máis necesaria que nunca "a protección do noso territorio fronte ao espolio das empresas enerxéticas".

Vilalba, reelixida

O SLG reelixiu a secretaria xeral desde o ano 2012, Isabel Vilalba, como líder da organización até 2024.

No seu discurso, aproveitou para cargar contra a aprobación da nova lei estatal de cadea alimentaria, que "segue sen impedir a venda por baixo de custos".

Ademais, Vilalba criticou o deseño da nova Política Agraria Común (PAC) da Unión Europea "ao servizo da agroindustria" e a "limitación de dereitos para a cidadanía como é o da participación".

O sindicato fará 50 anos en 2023, medio século de loita nos que a afiliación se configurou como "verdadeiro motor". "A afiliación é o corazón e o corpo da nosa organización, porque están no día a día, pero sobre todo por producir alimentos, coidar o territorio e transmitir o coñecemento e cultura labrega", proclamou Isabel Vilalba.

A respecto da herdanza da pandemia, Vilalba declarou que "non podemos permitir que, ante unha situación como a que vivimos durante o confinamento, as administracións públicas nos impidan ir ás nosas leiras, coidar aos nosos animais, ou pechar os mercados mentres fomentan o consumo masificado nas grandes e medianas superficies comerciais, á vez que seguen promocionando a concentración intensiva do gando".

Comentarios