venres 05/03/21

Siemens Gamesa négase, como Alcoa, a aumentar o período de consultas do ERE

A multinacional está decidida a fechar as instalacións que ten no concello das Somozas. Desde a Dirección Xeral de Traballo advirten que se segue adiante podería incurrir "graves deficiencias de fondo e de forma".
Trballadoras e traballadores de Siemens Gamesa diante do concello das Somozas (Cedida)
Trballadoras e traballadores de Siemens Gamesa diante do concello das Somozas (Foto: Cedida)

A negativa da empresa Siemens Gamesa a aumentar o período de consultas da mesa de negociación constituída cos comités de empresa da planta das Somozas e Conca, ademais de cos sindicatos UXT e CCOO, pon o futuro das instalacións e as e os operarios das mesmas nunha situación semellante á que viviron na factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo).

Desde a multinacional aseguran que "está todo falado" e que polo tanto o seu obxectivo "é executar xa o despedimento dos 266 traballadores afectados polo expediente de regulación de emprego (ERE) extintivo presentado", dos que 215 son operarios da planta de Ferrolterra e os 51 restantes da manchega. 

Semella que desde a multinacional non escoitaron as ofertas de empresas como a galega Greenalia e Enel, que se comprometeron con pedidos para os seus desenvolvementos eólicos e desta maneira manter a actividade na planta das Somozas.

A decisión que tomou Siemens Gamesa transcendeu na tarde de onte a través do secretario xeral da Federación de Industria de CCOO na Galiza, Víctor Ledo, que participou desde as 12 horas nunha reunión decorrida en Madrid, tanto presencial como telemática, na sede da Dirección Xeral de Traballo, e na que se deron cita representantes do Ministerio de Traballo, dos sindicatos e un avogado da empresa de maneira presencial. 

Actuacións por negarse a ter tempo de consultas

Ledo, en declaracións a Europa Press, instou tanto o Ministerio de Industria como a Xunta, "que son os que teñen competencias, a tomar cartas no asunto de maneira urxente e aplicar medidas industriais, contra a decisión que  tomou Siemens Gamesa de despedir 266 traballadoras e traballadores". O responsábel de Industria de CCOO asistíu tamén á continuación da reunion  pola tarde nun hotel de Madrid, aínda que con moi poucas expectativas de que mude a actitude de Siemens Gamesa, que mantén "a negativa para buscar unha solución, e coa última reforma laboral, vaille saír gratuíta". 

Por este motivo, o sindicalista demandou que, "se ao final acomete ese feche, tal e como quere, que se teña en conta por parte das administracións para todo o que ten que ver cos intereses de Siemens Gamesa na Galiza e no conxunto do Estado", en alusión á convocatoria de concursos para a instalación de novos parques eólicos.

Diante deste escenario, Ledo reclamou que é necesario "derrogar a última reforma laboral, xa que a actual normativa permite ás empresas actuar desta maneira tan prepotente", tomando "unha decisión de maneira unilateral sen ningún tipo de consecuencia".

Por outro lado, a directora xeral de Traballo, a galega Verónica Martínez, recomendou expresamente a ampliación do período de consultas "para evitar e reducir despedimentos como manda o artigo 8 do Real Decreto 1483/2012, de 29 de outubro, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de despedimento colectivo e de suspensión de contratos e redución de xornada", advertindo que ve "graves deficiencias de fondo e de forma" polo que podería seguir o camiño que tivo o ERE presentado no seu momento por Alcoa en Cervo.

comentarios