venres 05/03/21

A Cámara pide declarar nulo o ERE de Siemens nas Somozas

O Parlamento considera "inxustificado" o ERE presentado pola empresa Siemens-Gamesa na súa factoría das Somozas.

A Cámara oponse ao despedimento en Siemens-Gamesa (Foto: Parlamento galego)
A Cámara oponse ao despedimento en Siemens-Gamesa (Foto: Parlamento galego)

Os tres grupos políticos con representación no Parlamento galego coincidiron esta cuarta feira, 10 de febreiro, en considerar "inxustificado" o ERE presentado pola empresa Siemens-Gamesa na súa factoría das Somozas, que implica o despedimento colectivo de 215 traballadoras e traballadores.

A Cámara considera que o despedimento responde a unha estratexia de "deslocalización" para fechar a factoría e trasladar a produción á planta da multinacional no norte de Portugal.

A iniciativa aprobada, que solicita ao Ministerio de Traballo que declare nulo o ERE exposto pola multinacional, foi presentada polo Partido Popular e saíu adiante co apoio do BNG e PSdeG na sesión plenaria que decorreu esta cuarta feira no Hórreo.

O texto tamén expón a configuración dunha mesa de traballo con presenza de administracións e representantes do persoal para abordar o futuro e viabilidade da planta e que se estabelezan desde as institucións os mecanismos que permitan garantir a carga de traballo na factoría a través da modernización das instalacións.

Plan industrial

O que non prosperou, pola oposición do PP, foi a iniciativa parlamentar dos socialistas que demandaba un plan de industrialización na comarca de Ferrolterra, onde se sitúa a planta de Siemens.

O PSdeG cargou contra a Xunta por "non exercer as súas competencias exclusivas" en materia de industria e os populares responsabilizaron o Goberno español da falta de carga de traballo en Navantia e do fechamento das Pontes. O PSdeG reclamou á Xunta que intensifique a súa participación na captación de fondos europeos de reconstrución, elaborando un plan industrial para a comarca. 

Tamén o BNG instou a Xunta a exercer as súas competencias e actuar dando solucións ante o fechamento da central térmica das Pontes, apostando por exemplo na I+D+i e creando un centro tecnolóxico de almacenamento de enerxía nese concello. 

comentarios