Semana chave para o futuro de Siemens-Gamesa nas Somozas

A dirección da empresa rexeitou encargas de Greenalia e Enel que darían carga de traballo á factoría galega
Asemblea do persoal de Siemens Gamesa nas Somozas ante a porta da fábrica (Foto: Europa Press)
photo_camera Asemblea do persoal de Siemens Gamesa nas Somozas ante a porta da fábrica (Foto: Europa Press)

O 18 de febreiro é a data límite marcada na negociación do ERE extintivo para a planta de Siemens-Gamesa nas Somozas. Os representantes dos traballadores están xa en Madrid para abordar a que cualifican de "semana decisiva" para o futuro dos 215 postos de traballo na Galiza.

Segundo explica a Nós Diario o presidente do comité de empresa, Sergio López (UXT), a postura defendida pola multinacional nas últimas semanas "segue a ser a mesma", que non é outra que a de fechar a planta das Somozas por considerar que non ten viabilidade. Porén, a representación dos traballadores e traballadoras agardan un "último esforzo" por parte das administracións para obrigar Siemens-Gamesa a "recapacitar". De feito, López apunta que os ministerios de Traballo, Industria e Transición Enerxética están a traballar na constitución dunha mesa industrial que permitiría gañar algo de tempo antes de facer efectivo o fechamenro. 

Outra das posibilidades, sinala o presidente do comité, sería que outra empresa mostrase o seu interese para facerse coa factoría, aproveitando o seu capital humano que "é o seu principal activo". 

Nesta liña, lembra que a planta  sempre cumpriu cos prazos de entrega e requisitos de calidade. Ademais, os traballadores e as traballadoras son "xente especializada" que axudaron a abrir fábricas por todo o mundo.

Greenalia e Enel, ao rescate

Nas últimas semanas, empresas como a galega Greenalia e Enel, a matriz de Endesa, puxéronse en contacto coa dirección de Siemens-Gamesa para tratar de manter a actividade na planta das Somozas, comprometendo pedidos para os seus desenvolvementos eólicos. 

No caso de Greenalia, indica López, comprometía cinco millóns de euros de adianto para facer os investimentos necesarios na planta para a produción de novos modelos, e carga de traballo para seis anos, cos dous primeiros garantidos. Os contratos renovaríanse cada dous anos e levarían un investimento aparellado cada un de 25 millóns de euros. A empresa rexeitou este primeiro ofrecemento, mais o presidente do comité de Siemens-Gamesa nas Somozas descoñece se as conversas entre as dúas empresas seguen adiante. 

No caso de Enel, o único que sabe o representante do persoal é que tamén fixo un achegamento para coñecer a dispoñibilidade da multinacional para facer na Galiza as pas dos muíños dos novos parques eólicos que ten proxectados no país. 

A respecto das modificacións anunciadas pola Xunta da Galiza na estrada AC-110 ao seu paso polas Somozas, Sergio López sinalou que se trata duns traballos que levan xa preto de dous anos aprobados, polo tanto, o proxecto para modificar o trazado da vía para permitir así que se poidan transportar por elas pas de maior tamaño "non é de agora; xa vén de antes". Concretamente de cando Siemens-Gamesa anunciara a produción dun novo modelo na factoría das Somozas que nunca se chegou a desenvolver, xa que a multinacional optou por adquirir a planta de Vagos, en Portugal. Agora está por ver se a empresa ou outro operador fará uso desa estrada inicialmente prevista.

Comentarios