As sextas ferias ao sol: a historia continúa

Quince anos despois de Los lunes al sol mostrar con extrema crueza o drama do paro, unha performance do BNG simbolizou na mesma Ría de Vigo en que se rodou o filme que miles de persoas continúan no desemprego, produto das políticas neoliberais e centralistas do Partido Popular. Ana Pontón, no barco da travesía fílmica entre Cangas e Vigo, estivo acompañada de dúas persoas en paro e unha terceira cun traballo precario. Un storytelling puro e duro. Tres historias reais contra a propaganda.

Os luns ao sol 2
photo_camera Fotografía realizada polo BNG que evoca o cartaz de "Los lunes al sol"

Desta vez non foi unha segunda feira ao sol, senón unha sexta, mais o monstro das políticas que destrúen traballlo continúa aí. O BNG deu a voz a tres persoas que neste momento están como os protagonistas de Los lunes ao sol e que esta mañá mantiveron un diálogo coa portavoz nacional da formación soberanista, Ana Pontón. Tres vidas que mostran como este sistema exclúe e como, quince anos após o filme, as políticas en curso non dan solución a un problema fulcral para as persoas, o de teren un traballo digno.

María Luz Pérez Fernández, 55 anos, traballadora eventual en precario no sector da hostalaría.

"A explotación non ten límites. Hai contratos por catro horas, mais tes a obriga de traballar oito ou doce sen parar e gañando entre 700 e 800 euros. E non temos vacacións".

O pior de todo é que "se decides reclamar os teus dereitos, como fixen eu, sabes cal vai ser a resposta, o despedimento".

Clemente Pérez, 53 anos, parado de longa duración

Este sábado fará 54 anos e leva no paro desde 2010. "Traballaba na construción, mais con 53 anos as empresas non nos queren. O único que che oferecen son contratos por catro días". 

Xoán Carlos Rodríguez, enxeñeiro técnico, 4 anos no paro.

No paro desde 2011, "tiven que voltar a vivir cos meus pais para non ter que recorrer a un local social ou vivir na rúa. Neste momento as persoas de máis de 45 anos temos grandes problemas para acceder ao mercado laboral porque a pesar da formación as empresas non te ven como un traballador produtivo".

Tres historias como podería haber 16 mil, a das 16.000 persoas que ficaron sen emprego na Galiza segundo a última enquisa da EPA, denunciou Ana Pontón. A consecuencia máis sangrante deste fenómeno é que o Índice de Pobreza Severa atinxe xa no noso país 132.000 persoas, enfatizou a líder nacionalista.

Estes testemuños refutan, aliás, o "triunfalismo do todo vai ben" que exhiben Feijóo e Rajoy, insensíbeis perante os problemas sociais e teimudos na súa aposta "en políticas que resultan en máis desigualdade e en máis precariedade.

O BNG realizou este acto simbólico en vésperas do 1 de Maio, o Día Internacional da Clase Traballadora. Mobilizarse é esencial, pensa a organización nacionalista, que chama a participar nas marchas convocadas esa xornada pola CIG.

Comentarios