O número de locais comerciais que se atopan baleiros aumenta 9,5%

A Federación Galega de Empresas Inmobiliarias sinala a caída histórica da vivenda en aluguer.
Un local fechado (Foto: Europa Press).
photo_camera Un local fechado (Foto: Europa Press).

A Federación Galega de Empresas inmobiliarias (Fegein) prevé, no seu balance anual de transaccións inmobiliarias que presentará o vindeiro 30 de decembro -ao que tivo acceso Nós Diario-, un incremento de até 20% na Galiza dos locais comerciais que ficarían baleiros e volverían a entrar no mercado de aluguer durante o primeiro cuatrimestre do ano 2023.

A Fegein, que cualifica a situación de "demoledora", advirte destes fechamentos de pequenos negocios despois de que entre xullo e outubro xa se teña dado un incremento de 9,5% de locais comerciais que volveron ao mercado de aluguer, pasando de 6.350 a 6.950. Esta alza produciuse principalmente, di a federación, durante setembro.

"Unha ampla porcentaxe de actividades económicas rexentadas por autónomos non dan asumido o prezo dos alugueres dos locais comerciais nas grandes rúas céntricas das cidades da Galiza", as cales, sinala Fegein, "son as únicas que lle poden garantir unha viabilidade da súa actividade económica".

Por outra parte, sinala a organización, "a desaparición paulatina e constante das entidades bancarias en moitos concellos de menos de 3.000 habitantes fixo diminuír a práctica totalidade de demanda de locais comerciais nestes municipios".

Ademais, a organización alerotu "dunha atomización da demanda nas áreas de influencia das sete principais cidades da Galiza, sendo moito máis reducida ou marxinal no resto de concellos galegos". Desta forma, constatan "unha Galiza de dúas velocidades", cunhas áreas "que se manteñen e aglutinan 80% da oferta e demanda en 40 dos 313 concellos galegos".

Vivendas baleiras

A Galiza, con 19,4% das súas vivendas baleiras, é a autonomía coa maior porcentaxe do Estado español (13,7%) en vivenda desocupada, sinala a Fegein, que tamén remarca que "72% das vivendas baleiras na Galiza están en estado deficiente ou moi deficiente de conservación".

Neste contexto, destaca a federación, "xamais houbo menos oferta de vivenda en aluguer". Entre as causas, sinalan a "derivación de vivendas de aluguer tradicional cara ao arrendamento de vivendas de vacacións".

De cara ao próximo exercicio, as inmobiliarias auguran que os prezos de venda no sector da vivenda "estabilizaranse no primeiro cuadrimestre de 2023". Porén, o sector prevé que o mercado do aluguer "seguirá á alza e con menos oferta no primeiro semestre do próximo ano". Tamén se espera que haxa "menos concesión de hipotecas e máis caras", indica a Fegein.

Comentarios