O comercio galego alerta de caídas das vendas de até 20% neste Nadal

Pesimismo no mercado ante as rebaixas de xaneiro.
O tradicional bazar Docobo, en Santiago de Compostela, esta quinta feira (Foto: Arxina).
photo_camera O tradicional bazar Docobo, en Santiago de Compostela, esta quinta feira (Foto: Arxina).

O gasto e as vendas no comercio  na Galiza durante a campaña de Nadal de 2022 estanse a situar "entre 10 e 20%" por debaixo das cifras doutros anos, segundo as estimacións do presidente da Federación Galega do Comercio, José María Seijas.

Seijas destacou que "é a época en que se vende unha maior porcentaxe de todo o ano", mais tamén advertiu que, "aínda que se fan un maior número de operacións, estas realízanse con importes máis baixos".

"A xente coas dificultades que está a pasar, o que gasta no recibo da luz, en hipotecas, en combustíbel, non dá para o comercio", subliñou Seijas. O empresario sinalou que "a xente compra agora facendo unha selección do que verdadeiramente necesita", para reiterar que se "gasta menos do habitual, un gasto entre 10 e 20% inferior a outros anos".

Xa sobre as rebaixas do próximo mes de xaneiro, José María Seijas volveuse queixar en que este período quedouse "en pura anécdota". "Agora mesmo acabo de pasar por diante dun comercio e xa está con 50% de descontos. Si que é certo que as rebaixas comezan o 1 de xaneiro e acaban o 31 de decembro", afirmou o representante da Federación Galega de Comercio.

Tamén lembrou que "acaba de pasar o venres negro, a xente comprou moito con descontos", para, a continuación, matizar que coas rebaixas "venderase os dous ou tres primeiros días". "Vaise comprar mais non vai ser como antes, que se liquidaba todo o stock de tempada para empezar o ano. Venderase pouquiño", aventurou finalmente José María Seijas.

Datos de novembro

As vendas do comercio retallista galego caeron 2,2% en novembro, o que supón un descenso maior ao de 0,8% rexistrado a nivel estatal, segundo os datos publicados esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Entre xaneiro e novembro de 2022 este tipo de estabelecementos contabilizaron unha baixada das súas vendas de 2%, a pesar de que no conxunto do Estado se incrementaron 0,4%.

Comentarios