A Secretaría das Mulleres do SLG repasa a súa historia nunhas xornadas en Chantada

Este domingo remata o XVIII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego (SLG). Trátase dunha edición especial, xa que se cumpren 20 anos de encontros desde o primeiro que decorreu en Allariz (comarca de Allariz-Maceda) en 2004. 
Isabel Vilalba falando no XVIII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego en Chantada (Foto: Nós Diario).
photo_camera Isabel Vilalba falando no XVIII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego en Chantada (Foto: Nós Diario).

Ao longo desta fin de semana está a ter lugar o XVIII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego (SLG), unha edición marcada polo 20º aniversario da xuntanza desde o seu nacemento en Allariz (na comarca de Allariz-Maceda) en 2004.

Este ano o lugar escollido foi o Espazo Vilaseco, en Chantada (na súa comarca homónima) e comezou este sábado cun acto de benvida a cargo da secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba; a gandeira e produtora de fabas de Lourenzá, Isabel Seivane; e a concelleira de igualdade de Chantada, Pamela Fernández.

Na primeira mesa de debate, titulada 'As mulleres da Secretaría', participaron Marisol García, Olga Otero, Uxía García, Pura Seoane, Belén Fervenza e Carme Veiga. As seis son afiliadas do SLG de distintas xeracións e no faladoiro analizaron as achegas que a auto-organización das mulleres dentro do sindicato implicou.

Neste sentido, trataron as loitas profesionais, como, por exemplo, a de conseguir a titularidade compartida das granxas ea do fortalecemento das mulleres desde unha conciencia feminista. Ademais, puxeron en común cambios fundamentais a nivel interno, como a aprobación da paridade nos órganos de dirección dentro do SLG, unha iniciativa impulsada que se fixo desde a Secretaría das Mulleres.

Historia da Secretaría

Logo dun xantar elaborado con produtos agroecolóxicos e de proximidade, a xornada de tarde abondou na historia da Secretaría, ao tempo que analizou a situación actual do agro dende unha perspectiva de xénero, incluídas as mobilizacións agrarias das últimas semanas.

Foi a través da mesa redonda 'Loitas colectivas das mulleres', integrada pola actual secretaria xeral, Isabel Vilalba; a ex-secretaria xeral do SLG (1989-2007) Lídia Senra; a presidenta da Confederación de Asociaciones de Mujeres del Medio Rural (CERES), Inmaculada Idáñez; e por parte de Euskal Herriko Nekazarien Elkartasuna (EHNE-Biskaia), Malu Egiluz e Amets Ladislao.

Entre outras cuestións, Lídia Senra lembrou que foi na década dos 70 do século XX cando as mulleres do SLG “sentimos a necesidade de comezar a falar entre nós”. Senra apuntou que, naquela altura, había mulleres do SLG convocando asembleas, “pero só acudían homes”, polo que idearon convocar reunións específicas de mulleres, baixo a premisa de falar da “saúde das mulleres”, e dende eses espazos empoderar ás labregas para incentivar a súa participación nos espazos mixtos da loita agraria.

Isabel Vilalba, pola súa parte, relatou como grazas á organización das mulleres labregas dentro do movemento internacional La Vía Campesina -do que o SLG é unha das organizacións fundadoras-, o Artigo 4 da Declaración das Nacións Unidas sobre os dereitos labregos e doutras persoas que traballen nas zonas rurais, aprobada en 2018, refírese especificamente á non discriminación das mulleres.

Inmaculada Idáñez, na súa intervención, tivo palabras de recoñecemento cara o traballo realizado polo SLG en materia de feminismos ao tempo que salientou a necesidade de seguir loitando, xa que “os avances conseguidos en materia de igualdade só poden manterse se continúa o traballo neste sentido, sen baixar a garda”.

Tamén Malu Egiluz destacou que “sempre estamos mirando ás mulleres do SLG, o seu percorrido como campesiñas é histórico”, e animaron a recuperar a vida do noso rural, e “seguir loitando para sensibilizar á cidadanía, recuperar a terra e as sementes: a loita é nosa: das mulleres”.

Na mesma liña, Amets Ladislao asegurou sentirse “como na casa” neste encontro e reivindicou que feminismos, agroecoloxía e soberanía alimentaria teñen que ir unidas. “O noso territorio está moi industrializado, buscamos moitas alianzas co movemento feminista urbano, moi forte neste momento en Euskal Herria”, explicou, “a loita pola soberanía alimentaria ten que estar dentro dos feminismos. Hai unha grande loita no xeito no que producimos alimentos”, engadiu.

Nesta mesa de debate tamén se introduciron temas como a infiltración da extrema dereita nas mobilizacións agrarias, ou o discurso co que o capitalismo está a introducir os alimentos sintéticos creados en laboratorio.

Documental e exposición

Logo deste segundo espazo de posta en común e reflexión tivo lugar a presentación do documental Labregas, espazos de venda (2022), realizado polo SLG para dar a coñecer a realidade das mulleres labregas que fan venda directa na Praza de Abastos de Santiago de Compostela -o segundo lugar máis visitado da capital galega- e da publicación A fala da terra. Labregas (2023), unha compilación de testemuñas de mulleres labregas tamén publicada polo SLG.

Pola noite, logo dunha cea colectiva, actuou o grupo de pandereteiras Bouba. Para este domingo están previstas varias visitas a proxectos vitivinícolas da comarca de Chantada. Ademais, o Espazo Vilaseco acolleu ás participantes cunha exposición fotográfica de 58 retratos de mulleres, coordinada por Espadela Coop Arabías, e outra do SLG titulada 'Vinte anos da man', sobre os encontros e actividades realizadas pola Secretaría das Mulleres ao longo destas dúas décadas.

Comentarios