Gráficos

Os salarios medran 2,9% na Galiza, por baixo do incremento estatal: canto cobran as galegas e galegos?

As remuneracións salariais superan no mercado laboral galego o limiar dos 2.000 euros por segunda vez nesta serie histórica que se inicia no primeiro trimestre do ano 2008.
Salarios medios mensuais por comunidades autónomas. (Fonte: INE)
photo_camera Salarios medios mensuais por comunidades autónomas. (Fonte: INE)

Os salarios fecharon o ano 2023 cun crecemento de 2,9% a respecto do último trimestre do ano anterior, até situarse, de media, nos 2.095,82 euros brutos por persoa traballadora e mes. Unha repunta, porén, máis dun punto inferior á que se experimenta no conxunto do Estado español (+4%), onde os emolumentos, considerando todas as remuneracións ordinarias e extraordinarias, soben até os 2.359,38 euros.

Así se desprende da Enquisa Trimestral de Custo Laboral que publica esta sexta feira o INE e que sitúa Galiza no undécimo posto en retribucións salariais a nivel estatal, moi lonxe dos 2.819 euros de Madrid, que lidera a táboa, e algo máis de 200 por riba de Estremadura, que a fecha con 1.864 euros mensuais.

 

As remuneracións salariais superan no mercado laboral galego o limiar dos 2.000 euros por segunda vez nesta serie histórica que se inicia no primeiro trimestre do ano 2008, após alcanzar os 2.035 euros ao remate do cuarto trimestre de 2022 e logo caer de novo ao longo do pasado exercicio. Tanto a cifra galega como a estatal son as máis elevadas da serie histórica. Porén, tomando como referencia as rendas actualizadas con base no IPC de decembro de 2023 e de 2022, os salarios deberían medrar na Galiza 3,1% no último trimestre, até roldar os 2.100 euros.

 

 

 

Outros datos

Do mesmo estudo do INE despréndese tamén que o custo laboral por persoa traballadora —incluíndo, alén dos custos salariais, as cotizacións sociais— medrou 4,2% na Galiza e 5% no Estado no cuarto trimestre de 2023, até os 2.821,09 euros no primeiro caso e os 3.145,99 no segundo. Por hora efectiva de traballo, os custos laborais na Galiza son de 22,57 euros (+6,8%), dous euros menos que os 24,98 no Estado (+6,1%). No caso dos salarios, a hora supón 16,77 euros (+5,5%), fronte aos 18,74 euros de media estatal (+5,1%).

Aliás, a xornada laboral das galegas e galegos é de 152,5 horas pactadas por persoa traballadora e mes —unha máis que no Estado—, das que 125 son consideradas horas efectivas (-0,9) de traballo e 28,3, non traballadas (+2,3). Galiza, ademais, presenta 5.581 vacantes laborais, o que representa pouco máis de 4% das 139.314 que hai no conxunto do Estado español.

Comentarios